martes, 19 de setembro de 2023
Rey Varela amosa a súa colaboración ao Club Montaña Ferrol
O rexedor reuniuse hoxe co presidente da entidade deportiva, Xan Ramírez, e, posteriormente, visitou o rocódromo municipal

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reuniuse esta mañá co presidente do Club Montaña Ferrol, Xan Ramírez, xunto cos vogais da entidade, Luis Marcos e Alfonso Manso, para coñecer de primeira man as actividades que a organización desenvolve na antesala do seu 50 aniversario en 2024.
Neste contexto, Ramírez presentou as actividades anuais do club, que inclúen os 50 quilómetros a pé do Concello de Ferrol, así como o programa de dinamización do rocódromo.
Así mesmo, tanto alcalde como presidente repasaron as ideas que o club xa tiña presentado ao Concello, como a elaboración da ruta das baterías costeiras ou o plan de intervención en Chamorro.
Tras a reunión, desprazáronse ao rocódromo municipal, que conta cunha parede vertical que rexistra unha elevada actividade por parte dos usuarios e que precisa dunha renovación. Ademais, desde o club trasladaron a Rey Varela a necesidade de dotar de limpeza periódica á instalación así como dun repintado do solo. Todos eles aspectos para os que o rexedor amosou a súa vontade de colaboración para que o rocódromo siga a ser un espazo de referencia para practicar escalada na cidade e para que o club poida seguir promovendo os beneficios deste deporte.