martes, 19 de setembro de 2023
Ferrol conmemorará o día mundial do turismo cunha visita guiada pola ruta modernista
‘A mellor maneira de conmemorar este día é coñecendo algo máis acerca do Ferrol Modernista e do trazado do barrio de A Magdalena’, afirmou a edil de Turismo, Maica García
A concelleira de Turismo, Maica García, anunciou que Ferrol se sumará aos actos previstos con motivo do Día Mundial do Turismo, que se celebra o próximo día 27. Así leva conmemorándose en todo o mundo desde 1980 cando se elixiu esta data por coincidir cun fito importante no turismo mundial: o aniversario da aprobación dos Estatutos da Organización Mundial do Turismo o 27 de setembro de 1970.
Desde o Concello de Ferrol está prevista unha visita guiada para o mércores 27, “a mellor maneira de conmemorar este día é coñecendo algo máis acerca do Ferrol Modernista e do trazado do barrio de A Magdalena”, afirmou a edil.
A visita, que será realizada por un guía turístico oficial da Xunta de Galicia, comezará ás 17:00 horas, terá unha duración de dúas horas e o punto de saída é a praza de Armas. Non se precisa inscripción previa e é gratuíta.
DÍA MUNDIAL DO CORAZÓN
A próxima semana tamén se conmemora o Día Mundial do Corazón. Será o
sábado 29 co obxetivo de concienciar sobre as enfermidades cardiovasculares, a súa prevención, control e tratamento.
As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte no mundo. Os infartos de miocardio e os accidentes cerebrovasculares cóbranse máis de 17 millóns de vidas ao ano e estímase que a cifra ascenderá a 23 millóns para o ano 2030.
A concelleira de Sanidade confirmou que se “iluminará o teatro Jofre e a fonte do Cantón de cor vermello durante a semana do 26 ao 29 setembro” e, ademais, está fixada unha conferencia da xefa da servizo de cardioloxía do Hospital Universitario de Ferrol a doctora Dra. Raquel Marzoa Rivas. Será na capela do Centro Cultural Torrente Ballester a partir das 20:00 horas.