martes, 12 de setembro de 2023
O Concello colabora con Afal no programa de actividades con motivo do día mundial do Alzhéimer
A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, presentou xunto cos directivos da entidade os actos que desenvolverán en setembro e outubro

A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, presentou hoxe xunto a directivos de Afal Ferrolterra unha serie de actos que a entidade desenvolverá na comarca no marco do día mundial do Alzhéimer, o 21 de setembro.
Tal e como detallaron os representantes de Afal, José Otero (vicepresidente e xerente) e Carlos López (presidente), o programa iniciarase o sábado, día 16, cunha andaina titulada Recordando Ferrol, con saída desde o peirao de Curuxeiras (inscrición de balde no teléfono 981370692).
O 19 de setembro chegará ao centro comercial Odeón a exposición itinerante e o circuito de sensibilización Ponte na súa pel. Ao día seguinte, 20 de setembro, instalaranse mesas informativas en Canido e na praza de España, ademais dun ciclo de conferencias sobre o alzhéimer e outras doenzas (día 20 e 27 de setembro), que terá lugar no antigo hospicio de Amboage, a partir das 16.30 horas, ámbalas dúas xornadas. E o 4 de outubro, tamén no antigo hospicio, haberá un coloquio sobre a reforma da lexislación civil para o “apoio das persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica”, segundo explicaron os directivos da entidade.
Pechará o calendario unha cea benéfica que terá lugar o 6 de outubro no Parador de Ferrol e que contará cunha sesión musical a cargo do grupo local Nuevo Plan.
O concelleira valorou o carácter divulgativo de todas estas iniciativas e amosou o apoio municipal para levalas a cabo.