Novas

domingo, 10 de setembro de 2023

José Manuel Rey participa na ofrenda á Virxe dos Remedios na localidade de Mondoñedo

O rexedor ferrolán solicitou á Virxe ‘vivir en paz, igualdade, liberdade e fratenidade’ e a diversificación da industria na urbe naval


José Manuel Rey participa na ofrenda á Virxe dos Remedios na localidade de Mondoñedo

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, participou esta mañá na tradicional ofrenda ante a Virxe dos Remedios na localidade lucense de Mondoñedo.

No acto, no que estivo presente o bispo da Diócese, Fernando García Cadiñanos, representantes dos concellos da antiga provincia de Mondoñedo, entre outras autoridades civís, relixiosas e militares, o rexedor lembrou que en Ferrol “a relixión foi un dos factores que vertebraron a vida dos nosos pobos, e disto sábese abondo neste Mondoñedo catedralicio e seminarista”.

No marco desta ofrenda, Rey Varela lembrou ás persoas que sofren e pediu á Virxe “vivir en paz, igualdade, liberdade e fraternidade” e “rematar coa lacra da violencia machista”.

Así mesmo, tivo á cidade de Ferrol presente nas súas verbas, expoñendo á patroa a necesidade de “diversificar a nosa industria, intensificar a eólica mariña, de apostar polas enerxías verdes e pola transformación do Estaleiro 4.0”. “Agora, neste esperanzador 2023, afrontamos unha nova etapa na que a carga de traballo está garantida para os vindeiros anos nos estaleiros, pero igualmente queremos pedir o apoio da Virxe para que esta situación se manteña no tempo”, verbalizou.

Tamén pediu por que Galicia continúe na senda do desenvolvemento tecnolóxico, científico e de comunicacións que tanto precisa e por que “os que temos a responsabilidade de xestionar os nosos pobos, saibamos realizar o noso labor debidamente, con toda a rectitude que nos esixe o feito de ter recibido da vontade popular o noso cometido”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar