venres, 01 de setembro de 2023
Ata o 6 de setembro está aberto o prazo para a presentación de candidaturas ao premio solidario Cidade de Ferrol 2023
O obxectivo deste recoñecemento é premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado

Segue aberto o prazo para para presentación de proxectos candidatos oa Premio Solidario Cidade de Ferrol 2023. O prazo abriuse o pasado 17 de agosto e finalizará o próximo día 6 de setembro.
Así as entidades sociais ou as persoas físicas que cumpran os requisitos establecidos nas bases poden presentar as súas candidaturas no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.
O obxectivo deste recoñecemento é premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado.
Entre os criterios de valoración están o interese xeral e específico do proxecto, o seu carácter innovador, que favoreza a participación directa das persoas ou entidades beneficiarias, que impulse dinámicas que aposten por o auto-desenvolvemento, que promova a igualdade de xénero ou a súa relevancia para colectivos con dificultades específicas, entre outras.
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, e emendados os posibles erros, terá lugar a constitución do xurado. Estará formado por o alcalde ou persoa en quen delegue, que presidirá o xurado, un/unha técnico/a municipal da Área de Benestar Social, un representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tres persoas representantes designadas pola Concellería de Política Social e Inclusión entre as entidades non participantes e coas que o Concello de Ferrol ten asinados convenios de colaboración, un membro de cada grupo político con representación municipal, un membro de entidade gañadora do Premio Solidario do ano anterior- que foi a Asociación de Persoas Xordas- e un funcionario/a da Concellería de Política Social e Inclusión que actuará como secretario/a.
O importe máximo contemplado ascende a 10.000 euros e hai dúas categorías: a primeira, cunha dotación económica anual de 6.000 euros, que premie a posta en marcha, ampliación ou continuación de proxectos solidarios e no eido do voluntariado que se desenvolvan no ámbito do Concello de Ferrol.
E a segunda, cunha dotación económica anual de 4.000 euros, que premie a posta en marcha, ampliación ou continuación de proxectos solidarios no eido da cooperación internacional e dentro do ámbito da protección dos dereitos sociais básicos (saúde, educación, alimentación, hábitat e auga e saneamento básico) das persoas e colectivos máis vulnerables.