sábado, 01 de abril de 2023
O Concello e a Deputación remodelarán os campos de fútbol de Caranza cun proxecto no que investirán 864.000 euros
O alcalde, Ángel Mato, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, asinaron un protocolo para financiar unha actuación que afectará ás dúas pistas de herba artificial situadas nas inmediacións da piscina Javier Gómez Noya

O alcalde, Ángel Mato, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron un protocolo para financiar as obras de remodelación dos campos de fútbol de Caranza, nas que ambas Administracións prevén investir 864.000 euros. Deses fondos, 600.000 euros serán achegados pola Deputación, e os 264.000 restantes polo Concello de Ferrol. Ao acto de sinatura do protocolo asistiron o presidente do Galicia de Caranza, Enrique Soto, e os concelleiros de Deportes e Urbanismo, Antonio Golpe e Julián Reina.
O proxecto suporá a transformación das dúas pistas actuais de fútbol 8 situadas nas inmediacións do complexo polideportivo Javier Gómez Noya nunha única pista de fútbol 11 (que poderá ser divisible tamén en dúas de fútbol 8). As obras incluirán a renovación das superficies de xogo, ás que se dotará dun novo céspede artificial de última xeración, así como a instalación dun novo sistema de alumeado. Aproveitando a modificación do talude norte, instalarase unha grada descuberta. A actuación implicará tamén ampliar a superficie que actualmente ocupan os campos para acadar o ancho suficiente das medidas regulamentarias. Esa extensión realizarase tanto cara a avenida do Mar como cara a rúa Pardo Bazán.
O alcalde lembrou que as instalacións, nas que desenvolve a súa actividade o Galicia, están situadas nun dos barrios máis populosos da cidade, aínda que polas categorías de base do club pasan rapaces de toda a cidade. “O compromiso da Deputación co deporte ferrolán é evidente. O Concello está enfrontando cuantiosos investimentos na renovación de espazos deportivos, e para algúns dos máis importantes, como é o caso dos campos de Caranza ou a rehabilitación do estadio da Malata, está tendo o apoio total do goberno provincial”, dixo, e asegurou que o Concello xa ten previstas novas intervencións para darlle continuidade á renovación de instalacións deportivas tras acometer melloras como a rehabilitación do polideportivo de Esteiro, os arranxos das cubertas da Casa do Deporte ou o pavillón de Santa Mariña, así como o cambio de iluminación deste último, diversas melloras no da Malata ou o cambio da cuberta do pavillón de acceso a FIMO, que se está a acometer na actualidade.
Pola súa banda, González Formoso, que recentemente tivo ocasión de achegarse aos campos de Caranza na compaña de Mato, afirmou que “nesa visita comprobamos que se trata dun investimento moi necesario”. “Falamos dun club fundamental no deporte base de Ferrol, con case 500 fichas federativas, que fai un traballo exemplar fomentando o deporte entre a mocidade e que precisa do apoio das Administracións. A Deputación e o Concello de Ferrol imos estar aí”, apuntou o presidente provincial.