sábado, 18 de marzo de 2023
O Concello e a Universidade retoman contactos para crear unha residencia de estudantes no Sánchez Aguilera tras a ratificación do convenio con Defensa
Alcalde, vicerreitoras do Campus e de Infraestruturas e edil de Urbanismo visitaron varios edificios para comprobar as posibilidades que teñen de acordo coas necesidades da UDC. Ángel Mato reiterou o seu desexo de que no futuro ese espazo do antigo acuartelamento “forme parte dese campus universitario que unha cidade coma Ferrol merece ter”. María Jesús Movilla asegurou que a cesión dos inmobles por parte da Administración local serviría para dar “un salto de nivel nas instalacións que se ofrecerían ao estudantado”

Tras a ratificación do convenio entre o Concello e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied), o goberno local e a UDC retomaron esta semana o traballo para dotar á cidade dunha residencia universitaria, un proxecto que deu os seus primeiros pasos hai xa dúas décadas. O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, reuníronse coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e coa de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares, co fin de analizar a cesión de inmobles do acuartelamento (que vai pasar a ser de titularidade municipal) á Universidade.