venres, 17 de marzo de 2023
Xa son máis de 3.000 os escolares inscritos no ‘Reto Ilustrado’ promovido polo Concello, que reunirá na praza de Armas á poboación máis nova para participar nun gran baile do século XVIII
A edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que pertencen aos centros escolares Juan de Langara, Esteiro, Isaac Peral, Cruceiro de Canido, Saturnino Montojo, Ricardo Carvallo Calero, San Xoán de Filgueira, San Rosendo, Cristo Rey, Lestonnac, Mercedarias e Tirso de Molina. Os colexios interesados poden inscribirse ata o próximo luns incluído nesta iniciativa, que busca involucrar aos máis pequenos da cidade na defensa da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial. Forma parte do programa da celebración da segunda edición do Festival Ilustrado, que se celebrará entre os días 14 e 16 de abril
O Concello de Ferrol xa ten inscritos a máis de 3.000 escolares da cidade para participar ás 12 horas do venres 14 de abril no ‘Reto Ilustrado’, unha actividade que abrirá o segundo Festival Ilustrado —do 14 ao 16 de abril— e que consiste en reunir ao maior número de escolares na praza de Armas para participar nun gran baile de época e con accesorios do século XVIII.