Novas

venres, 17 de marzo de 2023

O Concello reparará a fachada traseira do inmoble 9-11 da rúa Ortigueira, en Recimil

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, explicou que se procederá ao cosido, reparación e selado de fendas para a realización dun novo revestimento con morteiro. Tamén está previsto impermeabilizar a fachada e selar as ventás


O Concello de Ferrol vai reparar nas próximas datas a fachada traseira do inmoble 9-11 da rúa Ortigueira, que da á rúa Euskadi, no barrio de Recimil, posto que presenta deficiencias, como pequenas fendas e manchas de humidades concentradas en diversas zonas, especialmente encima dos linteis das ventás, o que pode producir desprendementos do revestimentos. 


Tal e como explicou esta mañá a concelleira responsable das áreas de Obras e Servizos, Ana Lamas, nestes inmobles municipais procederase ao cosido, reparación e selado de fendas para a realización dun novo revestimento con morteiro compatible con muros de pedra, pintarase e impermeabilizarase a fachada cos cores actuais e selarase o encontro das ventás, incluíndo os recercados. 

Tamén no barrio de Recimil, na actualidade o Concello de Ferrol está a avanzar na rehabilitación dos inmobles 3-4 da rúa Somozas, unha operación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar