A exposición ‘Orixes. Ferrol Castrexo’, a primeira das
actividades da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial impulsada polo
Concello de Ferrol e a UDC, aínda pode visitarse na sala Bello Piñeiro do centro
municipal Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) ata o próximo domingo 19
incluído. Mañá venres terá lugar, de balde, a última das visitas guiadas, ás 19 horas, a
cargo do director da cátedra, o arqueólogo e profesor Juan Luis Montero Fenollós.
A mostra foi inaugurada a finais do pasado ano polo alcalde, Ángel Mato, e a
vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e o seu prazo de exposición foi
ampliado ata o 19 de marzo ante a boa acollida. O centro está aberto ao público de
martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, mentres que os domingos e
os festivos permanece aberto unicamente polas mañás.
Así mesmo, acábase de poñer en funcionamento a páxina web da Cátedra de
Arqueoloxía: https://catedradearqueoloxia.com/, que conta cunha sección de notas con
pílulas semanais coas que coñecer nun minuto diversos temas sobre arqueoloxía e
publica todas as actividades previstas para as próximas datas, entre outros asuntos de
interese. A Cátedra tamén está a impulsar a creación na cidade de Ferrol dun
arqueódromo permanente, que se localizará no centro municipal Torrente Ballester. Será
unha aula didáctica que recibirá a visita de escolares da cidade e da comarca.
Ademais, con motivo do Día da Muller (8 de marzo), terá lugar o 27 de marzo a
proxección do documental ‘A muller romana na Gallaecia’, na que as profesoras María
José Bravo e Susana Reboreda, da Universidade de Vigo, participarán nun debate sobre
este audiovisual, que mostra as condicións de vida das mulleres á chegada dos romanos
ao noroeste peninsular e a súa evolución posterior. Será de acceso libre ás 19.30 horas
no salón de graos da Facultade de Humanidades do campus de Esteiro.