O Concello de Ferrol vén de poñer en marcha desde hoxe
mesmo o novo servizo de mantemento das instalacións eléctricas, iluminación pública e
semafóricas do municipio de Ferrol, un contrato que conta cun importe de 975.581,98
euros ao ano (impostos incluídos) e contempla 105.000 euros anuais (con impostos)
para a realización de investimentos, tal e como indicou esta mañá a concelleira de Obras
e Servizos, Ana Lamas. O contrato ten un prazo de execución de dous anos,
prorrogables por outros dous máis seguindo a fórmula 2+1+1.
A edil lembrou que o novo contrato inclúe a conservación, reparación e
mantemento das instalacións de iluminación exterior —acometidas, liñas, cadros,
arquetas, canalizacións, apoios, caixas de derivación, proteccións, luminarias, equipos e
lámpada—, semafóricas —tamén reguladores, elementos semafóricos, grupos ópticos,
entre outros— e interiores —como canaletas, tubos, bornes, grampas, interruptores ou
tomas de corrente—. Tendo en conta o inventario de instalacións eléctricas existentes na
cidade, a empresa adxudicataria disporá, como mínimo, dun enxeñeiro, un encargado e
un administrativo, ademais de aumentarse o número mínimo de empregados, ao pasar
de 8 a 12, garantindo a cobertura das vacacións e das baixas que se produzan entre o
persoal. Respecto ao anterior prego, mellóranse tamén as quendas de traballo dos
empregados.
Tamén revisións periódicas e citas puntuais
Lamas lembrou algunhas das novidades contempladas no novo contrato, que inclúe
inspeccións periódicas, tamén durante a noite, con revisións dos puntos de luz esgotados
ou lámpadas fundidas das instalacións de iluminación exterior, medición de parámetros
lumínicos e, en xeral, calquera outro traballo que requira de nocturnidade. A empresa
adxudicataria tamén vai levar a cabo a totalidade dos traballos de montaxe e
desmontaxe dos motivos de Nadal pertencentes ao Concello e tamén dos elementos
eléctricos precisos para a organización de citas como as Festas de Ferrol, a Feira
Medieval ou a Festa das Pepitas, entre outras. Tamén asistirá a organización da Semana
Santa. Do mesmo xeito inclúense os traballos de montaxe e desmontaxe da alimentación
eléctrica e megafonía nas praias de San Xurxo, Covas, Punta Penencia e Doniños,
explicou a edil.