Novas

xoves, 16 de marzo de 2023

O Concello avanza na renovación do parque de Fontelonga con novos bancos de pedra e a delimitación dos camiños

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou os traballos acompañado por técnicos municipais e responsables da obra. A Administración destina á modernización deste espazo do barrio de Caranza preto de 530.000 euros. En total habilitaranse preto 115 metros lineais de asentos distribuídos por distintos puntos do novo parque


O Concello avanza na renovación do parque de Fontelonga con novos bancos de pedra e a delimitación dos camiños

O Concello de Ferrol prosigue cos traballos de humanización e renovación integral do parque de Fontelonga, no barrio de Caranza, unha intervención á que a Administración local destina preto de 530.000 euros. Na actualidade estanse a construír os novos bancos, de pedra e madeira, que se están a habilitar en distintos puntos do novo espazo verde. En total acondicionaranse 115 metros lineais repartidos en varios tramos de asentos, dos que dous xa son visibles. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou onte os traballos acompañado por técnicos municipais e responsables da obra e anunciou que xa está instalado o sistema de recollida de augas e delimitados con bordos todos os camiños peonís: un perimetral e tres que atravesan o parque. Ademais explicou que ao mesmo tempo estase a acondicionar o terreo para acoller o que será un gran parque infantil con multitude de xogos e zonas verdes. 

A renovación e humanización do parque de Fontelonga inclúe tres zonas de xogos, a instalación dunha tirolina e a construción dunha pista multideporte. Tamén se colocará novo mobiliario urbano e plantaranse máis árbores. A primeira zona de xogos, para pequenos, contará cun areeiro de preto de 50 metros cadrados, un ‘escritorio de area’ con tres asentos, un balancín triplo e unha zona de bancos para os coidadores dos pequenos. 

Tirolina de 33 metros 
A segunda, para nenos de máis idade, situarase no espazo que ata agora ocupaba o parque infantil, que pasará de 110 metros cadrados a 300. Contará cun gran xogo de bolboreta dobre formado por un entramado de cordas dentro dunha estrutura ondulada de aceiro con membranas deslizantes a modo de hamaca ou asento, paneis sensoriais xiratorios de diferentes texturas e cores e asentos en forma de concha colgante e tubos. Este parque dispoñerá tamén dun elemento xiratorio tipo carrusel, un bambán dobre con asentos planos, outro triple —cun asento niño, outro para bebé e outro bebé-adulto que permite a este último balancearse á vez que o rapaz, un fronte ao outro—, e varios bancos. Entre ambos parques infantís, ademais, colocarase unha tirolina de 33 metros de lonxitude.

Por último, para a terceira zona de xogo, orientada a xente moza, aproveitarase a pista deportiva actual para dedicar espazos a tres actividades físicas diferentes. No primeiro dispoñerase dunha pista con dúas canastras e porterías de fútbol e na segunda colocarase unha canastra de baloncesto ‘sorpresa’ —unha cunca elevada en forma de cesta con tres aperturas na parte inferior, polo que o xogador debe esperar a saída do balón por algún dos tres canais— e unha serie de marcas que permitirán outro tipo de xogos. No terceiro espazo habilitarase unha zona de calistenia ou workout que contará cun banco de abdominais inclinado, espaldeira, agarradeiras laterais e tres barras horizontais. O proxecto para Fontelonga contempla tamén a renovación das papeleiras e unha nova iluminación que responderá aos estándares actuais de eficiencia enerxética. Ás árbores existentes sumaranse 12 novos exemplares de jacarandá xunto aos camiños interiores e unha liña de hortensias azuis en todo o lado sur do perímetro.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar