Novas

mércores, 15 de marzo de 2023

O alcalde enxalza na Casa de Galicia de Madrid os eventos turísticos que ofrece Ferrol ao longo de todo o ano e a “enorme personalidade” e “grandes contrastes” da cidade

Ángel Mato presidiu na tarde de onte un evento que reuniu a máis de medio centenar de touroperadores e xornalistas especializados en turismo e viaxes para promover a oferta cultural, patrimonial e artística de Ferrol. Presentouse o cartel da Festa das Pepitas da próxima fin de semana, un evento que aspira a converterse en Festa de Interese Turístico Nacional


O alcalde enxalza na Casa de Galicia de Madrid os eventos turísticos que ofrece Ferrol ao longo de todo o ano e a “enorme personalidade” e “grandes contrastes” da cidade

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu na tarde de onte na Casa de Galicia de Madrid ante máis de medio centenar de xornalistas especializados en turismo e touroperadores de viaxes un acto no que se promoveu a través da proxección de cinco vídeos varios eventos turísticos que se celebran cada ano na cidade coa chegada de miles de visitantes, tales como a Festa das Pepitas, que se celebrará a próxima fin de semana coa participación de once rondallas e para a que o Concello está a avanzar no expediente que a converta en Festa de Interese Turístico Nacional; o Festival Meninas de Canido, cada mes de setembro no barrio; a Semana Santa, que prepara motores para os días entre o 3 e 9 de abril; o Festival Ilustrado, que terá lugar entre os días 14 e 16 de abril; e as rutas polo patrimonio histórico da cidade, que integra a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e que xa conta con 6.626 adhesións a través da web municipal deseñada especificamente para promover a proposta: https://ferrolpatrimoniomundial.gal/


Na súa intervención, o rexedor presumiu de Ferrol e enxalzou todos estes eventos turísticos que cada ano atraen a miles de persoas. É unha cidade, dixo, cunha “enorme personalidade” e “grandes contrastes” que reúne nun mesmo municipio festas culturais de gran tradición musical, os máis diversos movementos artísticos e un rico patrimonio histórico, dixo, “aínda vivo”. Mato resumiu a “singularidade” de Ferrol lembrando que é o lugar onde “se pode gozar nun cuartel de instrución en uso do concerto dun músico norteamericano de jazz coa garda militar na porta”, en referencia á actuación de Jose James en agosto do 2021 no Cuartel de Dores con motivo do Festival ‘Jazz ao Norte’. Desta mestura, dixo, “enriquécese nosa cidade”. 

Calidade de vida nun lugar “planificado”
Ante os asistentes especializados en turismo, o alcalde de Ferrol falou dos 12 quilómetros de costa do municipio, das súas espectaculares praias “nas que estar tranquilo en pleno agosto”, do seu pasado e presente vinculado á industria e da súa singularidade como unha das primeiras cidades planificadas de España, o que lle da trazado cuadriculado ao seu casco urbano, “o máis grande de toda Galicia”. 

Para rematar, Mato puxo en valor a calidade de vida que ofrece Ferrol, onde pasear, gozar da súa gastronomía nunha terraza, do castelo de San Felipe e participar das súas tradicións culturais pode facerse “con tranquilidade”. Invitou aos asistentes ao acto na Casa de Galicia en Madrid a visitar a cidade e descubrila tamén a través das imaxes da recoñecida serie ‘Rapa’, rodada en Ferrol e protagonizada por Javier Cámara e Mónica López. 

O alcalde estivo acompañado por Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid; a concelleira de Patrimonio Histórico e Turismo, Eva Martínez Montero; Pedro Blanco en representación das rondallas de Ferrol; Eduardo Hermida, promotor do Festival Meninas de Canido; e da guía turística en Ferrol Isabel Díaz-Robles. A edil, na súa intervención, destacou de Ferrol varios recunchos emblemáticos da cidade, como a Praza de Galicia, a rúa San Francisco en pleno corazón do barrio de Ferrol Vello, a Fonte de San Roque, o castelo de San Felipe e a praia de Santa Comba. Puxo en valor a calidade da súa gastronomía e as citas turísticas da cidade, como a Festa das Pepitas e Semana Santa, que cada ano atraen a miles de visitantes. 

Visita dunha ducia de medios para dar a coñecer a cidade 
Ademais do evento de onte en Madrid, a promoción turística da cidade continuará o sábado día 18 de marzo, coincidindo coa Festa das Pepitas, e o domingo 19 coa celebración dun ‘press-trip’ no que participarán unha ducia de xornalistas especializados en turismo de todo o territorio nacional. Serán dúas xornadas nas que percorrerán espazos de referencia da cidade desde o punto de vista turístico e no marco da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, como o Museo da Construción Naval, o barrio da Magdalena, acudirán a o Teatro Jofre, visitarán edificios modernistas, gozarán da actuación das rondallas na praza de Armas, percorrerán a ruta das Meninas de Canido, o porto de Curuxeiras (orixe do Camiño Inglés) e visitarán o castelo de San Felipe, ao que chegarán en barco tras un paseo en barco.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar