martes, 14 de marzo de 2023
O Concello asinará un convenio coa Deputación para poñer en marcha o programa de rozas acordado coas entidades veciñais da zona rural
O pleno aprobou onte unha proposta que a concelleira Ana Lamas defendeu como o medio axeitado para acadar resultados óptimos cun servizo que repasará un total de 700 quilómetros en camiños e estradas de titularidade municipal

O Concello de Ferrol desenvolverá este ano o programa de rozas a través dun convenio coa Deputación que posibilitará empregar a empresa pública Tragsa para a prestación do servizo. A concelleira Ana Lamas defendeu onte no pleno, no que se aprobou a proposta, que se trata do medio axeitado para acadar resultados óptimos e que, ademais, a prestación do servizo nesas condicións foi acordada coas entidades integradas na Agrupación de Asociacións de Veciños da Zona Rural. De feito, a proposta final incluíu diferentes achegas formuladas dende o colectivo.