martes, 14 de marzo de 2023
A edil de Benestar Social reclama á Xunta que “asuma as súas competencias” na xestión do Servizo de Atención no Fogar
Eva Martínez Montero pediu esta mañá ao goberno de Galicia que busque unha fórmula que permita aumentar de xeito puntual e temporal o prezo/hora por mor do aumento da inflación e asuma a diferencia posto que se trata dunha competencia autonómica. Estivo acompañada polo representante de CC.OO do sector das traballadoras do servizo de axuda no fogar, Luis Rodas

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, compareceu esta mañá para mostrar a súa “preocupación” pola situación que está a vivir o sector da atención no fogar a persoas dependentes. Lembrou que desde xullo de 2021 está en vigor en Ferrol un contrato para dar servizo ás persoas con dependencia, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun orzamento de arredor de máis 5 millóns de euros anuais, o que supón preto do 90 % da partida anual da área municipal que dirixe. Este contrato ten unha duración de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de outros dous (2+1+1), polo que en xullo deste ano comezaría a primeira prórroga, de obrigado cumprimento, apuntou, “posto que estamos a falar dun servizo esencial”. A edil estivo acompañada polo representante de CCOO do sector das traballadoras do servizo de axuda no fogar, Luis Rodas.