Novas

luns, 13 de marzo de 2023

O Concello avanza no expediente para declarar as Pepitas Festa de Interese Turístico Nacional

Trátase dunha distinción que outorga o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O alcalde, Ángel Mato, presidirá mañá martes na Casa de Galicia de Madrid un acto no que se promocionarán este e outros atractivos turísticos de Ferrol


O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, vai presidir mañá martes na Casa de Galicia de Madrid un acto ás 19.30 horas no que se promocionarán a través da proxección de cinco vídeos varios eventos turísticos que se celebran cada ano na cidade. Entre eles visualizarase un dedicado á Festa das Pepitas, que terá lugar a próxima fin de semana e da que o Concello está a avanzar na tramitación do expediente para que sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, unha distinción que outorga o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Neste senso, o Concello está na actualidade a reunir información para a elaboración da memoria que soporte esta iniciativa. 


Ademais, está a proxectarse o deseño dunha páxina web que aglutine toda a información relativa a esta proposta. Ademais do vídeo promocional sobre a Festa das Pepitas, que contará coa intervención de Pedro Blanco en representación das rondallas de Ferrol, tamén se proxectará outro sobre Ferrol como destino turístico, que presentará a concelleira responsable de Turismo, Eva Martínez Montero. O terceiro estará dedicado ao Festival Meninas de Canido, do que falará Eduardo Hermida, o promotor da cita que cada mes de setembro se celebra na cidade. 

A edil tamén introducirá o cuarto vídeo, dedicado á Semana Santa ferrolá, e o Tik Tok sobre o Festival Ilustrado —cuxa segunda edición terá lugar entre os días 14 e 16 de abril— que resultou gañador no concurso creativo entre escolares promovido hai uns meses polo Concello de Ferrol para divulgar a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial. Para rematar, a guía turística en Ferrol Isabel Díaz-Robles intervirá para abordar o patrimonio histórico co que conta a cidade e introducirá outro vídeo sobre a Ilustración. 


Visita dunha ducia de medios para dar a coñecer a cidade
Ademais do evento de mañá en Madrid, o sábado día 18 de marzo, día das Pepitas, e o domingo 19 celebrarase na cidade un ‘press-trip’ no que participarán unha ducia de medios de comunicación de todo o territorio nacional. Serán dúas xornadas nas que percorrerán espazos de referencia da cidade desde o punto de vista turístico e no marco da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, como o Museo da Construción Naval, o barrio da Magdalena, acudirán a o Teatro Jofre, visitarán edificios modernistas, gozarán da actuación das rondallas na praza de Armas, percorrerán a ruta das Meninas de Canido, o porto de Curuxeiras (orixe do Camiño Inglés) e visitarán o castelo de San Felipe, ao que chegarán en barco tras un paseo en barco.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar