O Concello de Ferrol continúa ofrecendo a diferentes
coletivos da cidade formación gratuíta e homologada no uso do soporte vital básico de
reanimación e desfibriladores semiautomáticos (DESA) co fin de promover
coñecementos básicos no manexo destes dispositivos en situacións de emerxencia. Xa a
recibiron operarios dos mercados municipais e durante esta semana é o persoal
pertencente a entidades deportivas o que está a cursar o ciclo, de oito horas de duración
entre teoría e práctica.
O concelleiro de Seguridade e Saúde, Germán Costoya, acudiu esta mañá ás
instalación de FIMO, onde se está a desenvolver, para darlles a benvida e animarlles a
“aproveitar ao máximo” a formación sobre o uso destes dispositivos. Neste senso, o edil
lembrou que na actualidade Ferrol xa conta con preto de 40 DESA en distintos puntos
da cidade, como mercados municipais, centro municipal Torrente Ballester, Biblioteca
municipal, Teatro Jofre, Auditorio, en varias instalacións deportivas e no propio Concello. Pola súa banda, a Agrupación de Protección Civil de Ferrol conta con dez
unidades e o servizo municipal de praias, que se encarga do socorrismo na tempada
estival, con outros nove.
Os clubs deportivos de Ferrol que se inscribiron nesta iniciativa municipal son
Racing Ferrol, BTT Esmelle, Galicia de Caranza, Casino Ferrolano, Triatlón Ferrol,
Costa Ártabra, Club do Mar, Club de Campo, Nativos Club, Baxi, Club de Montaña,
Arco Ferrol, Club de Remo A Cabana, ADM e o Club Mandiá. A formación conta co
aval do Plan Nacional de Resucitación Cardiopulmonar e da Sociedade Española de
Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias, tal e como lembrou o concelleiro.
Ao rematar o curso, os participantes recibirán o diploma acreditativo que posibilita o
manexo do DESA a nivel nacional. O curso ofrece coñecementos na cadea de
supervivencia, en resucitación cardiopulmonar-RCP e en técnicas de soporte vital
básico.
Costoya anunciou que nas próximas datas será o persoal das entidades culturais
que se inscriban no correo coordinadorseguridade@ferrol.es as que reciban a formación.
A posta en marcha deste programa, que se estenderá a outros colectivos da cidade,
responde a que as enfermidades cardiovasculares constitúen “un dos problemas de
saúde máis importantes”, indicou Costoya. Nunha reanimación cardiopulmonar “a
actuación precoz e contar cos medios adecuados condiciona o prognóstico en canto á
recuperación da vida e minimización das posibles secuelas”.