Novas

sábado, 11 de marzo de 2023

O Concello plantará seis arces duns 15 metros de alto e máis de 700 plantas na illa verde continua á estrada de Castela, no Inferniño, e modernizará a pérgola e as inmediacións da parada de taxi

A edil de Obras e Servizo explicou que a especie elixida, de folla vermella, substituirá aos exemplares que tiveron que ser apeados por atoparse danados, o que provocou a finais de 2022 a rotura dunha rama ocasionando destrozos na contorna. Ana Lamas apuntou que ambas intervencións “darán un aspecto renovado” e actual ao conxunto deste espazo


O Concello plantará seis arces duns 15 metros de alto e máis de 700 plantas na illa verde continua á estrada de Castela, no Inferniño, e modernizará a pérgola e as inmediacións da parada de taxi

O Concello de Ferrol vai executar nas próximas semanas dúas actuacións no barrio do Inferniño, nas inmediacións da parada de taxi entre a rúa Sánchez Calviño e a avenida Viveiro, na estrada de Castela, que “darán un aspecto renovado e moderno a esta zona”, tal e como anunciou a concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas. 


A primeira, no ámbito medioambiental, consiste na plantación de seis exemplares de Arce Rubrum ‘October Glory’ na illa verde da estrada de Castela, xunto ao carril da parada de taxi. Substituirán aos chopos que tiveron que ser apeados por atoparse danados e con fungos, o que provocou pudricións. Os técnicos, tras unha profunda avaliación, “aconsellaron a súa substitución dada a patoloxía que presentaba a maioría”, dixo. “A especie “non era a adecuada para este emprazamento”. Neste senso, a edil lembrou que esta situación provocou a finais de 2022 a rotura dunha rama ocasionando fortes danos nas inmediacións, especialmente na parada de taxi do Inferniño. 

Por elo, nas vindeiras semanas o Concello vai proceder á plantación de seis exemplares “dunha especie moito máis adecuada para este espazo”. Antes será necesario destoconar os anteriores e preparar o terreo para a nova plantación. Terán unha altura de entre 15 e 18 metros, copa redondeada e folla vermella. Esta especie non presenta necesidade de realizar podas severas e reiteradas ao ser máis idónea para o espazo dispoñible. 

A estes seis exemplares o Concello sumará máis de 700 plantas arbustivas, perennes e herbáceas de flor —entre elas salvia, verónicas, verbenas, lavanda e gauras rosa—, co que se pretende habilitar unha pequena illa de biodiversidade, con corteza ornamental e aporte de terra, “o que claramente mellorará a estética desta zona aberta”. En definitiva, Lamas indicou que a actuación proposta pretende maximizar os beneficios para a veciñanza mediante a creación dunha zona de sombra na contorna da parada de taxi e mellorar a calidade da paisaxe urbana coa plantación dunha especie “máis adecuada”. 

Un espazo renovado e moderno
Lamas explicou que a esta intervención medioambiental no Inferniño sumarase outra que redefinirá e actualizará a pérgola da parada de taxi e as súas inmediacións co fin de “modernizar este espazo de estancia”. 

Deste modo, nas próximas datas acometeranse obras para solucionar diferentes problemas nun espazo que ocupa preto de 100 metros cadrados. Por unha banda, eliminar unha parte da pérgola que, por causas atmosféricas e do paso do tempo, atópase en mal estado de conservación. Doutra banda, na envolvente do edificio exponse un labor de limpeza de pintadas, repintado mediante pintura ao silicato con efecto fotocatalítico e propiedades antigrafitti, e mantemento de acabados, saneado e eliminación do cableado que discorre pola fachada, así como o soterramento do trazado de cableado que conecta o edificio coa pérgola. Ademais, na zona de soportais eliminarase a parte de cuberta da pérgola existente e executarase un novo falso teito que se prolongará para conformar soportais nos accesos aos locais. Revisarase a cubrición de grava da cuberta para avaliar a integridade da impermeabilización, reparando as zonas que estean en mal estado revisando sobre todos os puntos críticos, como canlóns, petos, sumidoiros e baixantes. 

No caso concreto da pérgola, esta substituirase por outro sistema con revestimento de vidro laminado templado blanco sobre unha estrutura de vigas dobres conformadas con tableiros contrachapados entre os que se colocará iluminación LED. En la zona de soportais e continuando en ambos lados para conformar a zona de porches, utilizarase o mesmo sistema de vidro laminado e estrutura de madeira. Por último, tal e como explicou Lamas, exponse a execución dun banco corrido suspendido, na zona de soportais, de forma que os usuarios poidan gorecerse do sol e a choiva. Son dúas intervencións coas que o goberno local “busca modernizar este espazo e acondicionalo para o maior uso da veciñanza”, apuntou a responsable municipal.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar