Novas

sábado, 11 de marzo de 2023

O edil de Seguridade traslada ao persoal deportivo que recibe o curso en reanimación ofrecido polo Concello que a cidade conta xa con preto de 40 desfibriladores en espazos públicos

Germán Costoya recibiu esta mañá ás 25 persoas que ao longo do día de hoxe recibirán formación práctica e teórica en FIMO. Esta semana están a participar preto de 100 persoas dos 15 clubs deportivos que se inscribiron nesta iniciativa municipal. Xa recibiron a formación operarios dos mercados municipais e nas próximas datas farano integrantes de entidades culturais


O edil de Seguridade traslada ao persoal deportivo que recibe o curso en reanimación ofrecido polo Concello que a cidade conta xa con preto de 40 desfibriladores en espazos públicos

O Concello de Ferrol continúa ofrecendo a diferentes coletivos da cidade formación gratuíta e homologada no uso do soporte vital básico de reanimación e desfibriladores semiautomáticos (DESA) co fin de promover coñecementos básicos no manexo destes dispositivos en situacións de emerxencia. Xa a recibiron operarios dos mercados municipais e durante esta semana é o persoal pertencente a entidades deportivas o que está a cursar o ciclo, de oito horas de duración entre teoría e práctica. 


O concelleiro de Seguridade e Saúde, Germán Costoya, acudiu esta mañá ás instalación de FIMO, onde se está a desenvolver, para darlles a benvida e animarlles a “aproveitar ao máximo” a formación sobre o uso destes dispositivos. Neste senso, o edil lembrou que na actualidade Ferrol xa conta con preto de 40 DESA en distintos puntos da cidade, como mercados municipais, centro municipal Torrente Ballester, Biblioteca municipal, Teatro Jofre, Auditorio, en varias instalacións deportivas e no propio Concello. Pola súa banda, a Agrupación de Protección Civil de Ferrol conta con dez unidades e o servizo municipal de praias, que se encarga do socorrismo na tempada estival, con outros nove. 

Os clubs deportivos de Ferrol que se inscribiron nesta iniciativa municipal son Racing Ferrol, BTT Esmelle, Galicia de Caranza, Casino Ferrolano, Triatlón Ferrol, Costa Ártabra, Club do Mar, Club de Campo, Nativos Club, Baxi, Club de Montaña, Arco Ferrol, Club de Remo A Cabana, ADM e o Club Mandiá. A formación conta co aval do Plan Nacional de Resucitación Cardiopulmonar e da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias, tal e como lembrou o concelleiro. Ao rematar o curso, os participantes recibirán o diploma acreditativo que posibilita o manexo do DESA a nivel nacional. O curso ofrece coñecementos na cadea de supervivencia, en resucitación cardiopulmonar-RCP e en técnicas de soporte vital básico. 

Costoya anunciou que nas próximas datas será o persoal das entidades culturais que se inscriban no correo coordinadorseguridade@ferrol.es as que reciban a formación. A posta en marcha deste programa, que se estenderá a outros colectivos da cidade, responde a que as enfermidades cardiovasculares constitúen “un dos problemas de saúde máis importantes”, indicou Costoya. Nunha reanimación cardiopulmonar “a actuación precoz e contar cos medios adecuados condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e minimización das posibles secuelas”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar