xoves, 09 de marzo de 2023
O Concello avanza na mellora do mobiliario urbano dos barrios con novas mesas picnic en zonas verdes
A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, visitou esta mañá a colocación dun novo elemento no parque Pedro Padrón, ao final da rúa Curros Enríquez, no barrio de San Xoán

O Concello de Ferrol continúa coa renovación e ampliación do mobiliario urbano en diferentes barrios. Na actualidade estase a executar a posta a punto de bancos e outros elementos en Esteiro e de xeito paralelo a Administración local está a colocar novas mesas picnic en varios puntos da cidade. Xa se instalaron na zona verde próxima ao parque infantil de Covas; no de San Pablo-Catabois; na praza García Sabell, en Caranza; e en dous puntos de Esteiro: nas inmediacións da biblioteca universitaria Casa do Patín e no parque infantil da rúa Naturalista López Seoane.