O alcalde, Ángel Mato, asistiu esta mañá ao debate no
Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei do Grupo Parlamentario dos
Socialistas de Galicia na que se insta á Xunta de Galicia a iniciar inmediatamente a
posta en marcha do polo de I+D en enerxías renovables mariñas e almacenamento en
Ferrol. Ademais de contar cos votos dos deputados socialistas, a proposta tivo tamén o
apoio dos do PP e dos do BNG. A deputada Begoña Rodríguez Rumbo lembrou que
dende que Mato é alcalde “tivo un empeño claro” para a creación do polo en Ferrol,
mentres que por parte da Xunta “ese empeño non foi tan claro”.
Tras a sesión, o rexedor recordou que esta demanda da Cámara autonómica se
únese ao compromiso que xa existía por parte do expresidente Feijoo, así que a creación
da sede na cidade “é unha obriga”, dixo. Tamén repasou os pasos que se deron dende o
Concello de Ferrol dende que el mesmo encargou a elaboración dun estudo para analizar as posibilidades deste proxecto. Un estudo, recordou que lle presentou a
distintos estamentos da Xunta cando dende o Goberno galego non se tivera promovido
aínda ningunha iniciativa similar.
Aproveitar os fondos “o máis axiña posible”
“Estou tremendamente satisfeito polo resultado da votación”, dixo o alcalde sobre a
unanimidade do Parlamento (os 71 deputados presentes votaron a favor). “Sempre
defendín a necesidade de apostar pola investigación e o desenvolvemento, mesmo
promovendo os estudos que facilitaban a presentación ante o Goberno do Estado desa
proposta”, engadiu antes de insistir en que, “agora, quen ten que dar un paso adiante é a
Xunta”. Mato considera que o polo debe botar a andar “inmediatamente” e aproveitar “o
máis axiña posible” os fondos transferidos polo Goberno de España.
Mato vén insistindo dende hai meses en que a Xunta debe situar en Ferrol o
polo de I+D en enerxías renovables mariñas e almacenamento que vai crear ao abeiro
do Fondo de Transición Xusta. Despois de que en decembro Goberno central confirmara
que a Comisión Europea aprobara o Programa de Transición Xusta de España, a
Administración autonómica debe xestionar a meirande parte dos 111 millóns de euros
que lle corresponden a Galicia.
Nese marco, Mato lembrou que o entón presidente Núñez Feijoo decidiu
celebrar en Ferrol un Consello da Xunta, despois do cal se fixo un repaso do que se
denominaron “primeiras medidas que a Administración autonómica puxo en marcha o
pasado ano no marco do Pacto de Estado por Ferroltera para a reactivación económica e
social da comarca”, e entre elas se citaba “o deseño dun polo de innovación tecnolóxica
en enerxías renovables mariñas e almacenamento”, segundo consta na referencia oficial
daquela reunión do Consello.
O Concello realizou un intenso traballo para que Ferrol formase parte dos
municipios beneficiados polos Convenios de Transición Xusta dende que o alcalde solicitara a súa inclusión no programa. Durante os últimos anos, a Administración local
vén dando pasos para que a cidade e a súa comarca estean na vangarda deste proceso de
transformación. Trátase dun asunto que, lembra Mato, xa formaba parte dos
compromisos cos que concorreu ás eleccións do 2019. Un ano despois, xa dende o
goberno local, promoveu un estudo para a creación dun polo de innovación no sector da
eólica off-shore a través dos fondos de recuperación. E hai agora pouco máis dun ano,
en decembro do 2021, presentoulle á Xunta, en concreto á directora da Axencia Galega
de Innovación e á directora xeral de Planificación Enerxética, as conclusións de dito
estudo. Nelas indícase que a creación dun hub será garantía de emprego,
desenvolvemento económico, diversificación e internacionalización.