Novas

mércores, 08 de marzo de 2023

Julián Reina da conta en comisión da concesión por parte do Ministerio de Transportes da ampliación do prazo para iniciar a rehabilitación das cubertas pétreas do castelo de San Felipe

O concelleiro responsable da área de Urbanismo indicou que os traballos poderán comezar ata o próximo 7 de xuño. Lembrou que é unha intervención sufragada nun 50% polo Ministerio a través do programa 1,5 % Cultural


Julián Reina da conta en comisión da concesión por parte do Ministerio de Transportes da ampliación do prazo para iniciar a rehabilitación das cubertas pétreas do castelo de San Felipe

 O concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, deu conta esta mañá aos grupos municipais durante a comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación da concesión por parte do Ministerio de Transportes da ampliación de prazo en tres meses para o inicio da obra de intervención nas cubertas pétreas e no sistema de evacuación de pluviais do Castillo de San Felipe, unha intervención sufragada nun 50 % polo Ministerio de Transportes dentro do programa do 1,5 % Cultural. Deste modo, indicou, as obras deberán comezar como moi tarde o 7 de xuño. 


Tras a comisión, Reina lembrou que na actualidade as obras están en proceso de adxudicación. A intervención ten un orzamento total de preto de medio millón de euros, dos que o Estado asume unha cantidade superior aos 270.000 euros. O edil destacou que se trata dunha obra “moi relevante” por dous motivos. En primeiro lugar porque “é a primeira vez que o Concello de Ferrol acadou a subvención do 1,5 % Cultural” e en segundo lugar porque vai posibilitar unha mellor conservación da zona central do castelo e da situada máis próxima ao acceso principal. Esta actuación é unha mostra máis, apuntou, “do esforzo que está a facer este goberno por rehabilitar e poñer en valor un dos nosos mellores bens”. 

A actuación sobre as cubertas pétreas e o sistema de evacuación de augas pluviais inclúe unha limpeza en profundidade destas áreas, a reparación de fisuras e a adhesión de pezas desprendidas, a substitución de sumidoiros, a colocación de gárgolas de zinc no interior das pétreas, reparación de lousas de granito, retirada de tapiados de ladrillo, retirada de diversas reixas e a eliminación de recebos nas zonas interiores, entre outras actuacións. En definitiva, trátase dunha intervención “vital” para a conservación do castelo “que se realizará con sumo coidado”, apuntou Reina.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar