“Hai cuestións que valen un mandato”. Con esa frase
destacaba esta mañá o alcalde, Ángel Mato, a importancia da ratificación do convenio
entre o Concello e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa
(Invied) por parte do pleno da corporación municipal. Tras rematar a sesión, o rexedor
aseguraba tamén que “é importante trasladarlle á cidade que de cando en vez estamos de
acordo en algo”, en referencia a que o acordo contou co apoio maioritario dos
concelleiros, con 20 votos a favor, 3 abstencións e só 2 en contra.
Antes, na derradeira intervención do punto no que se tratou ese asunto, explicou
que coa aprobación definitiva do convenio e a finalización das contraprestacións
contempladas nel a cidade vai gañar dez propiedades, a maior parte delas en importantes
espazos naturais da zona rural, como tamén solo industrial e a solución a unha parcela
vital para o desenvolvemento do casco urbano, como é a do antigo cuartel Sánchez
Aguilera, que se vai manter preservada dende un punto de vista histórico, patrimonial e
medioambiental (nela haberá 17.000 metros cadrados de zonas verdes, o cal significará
o nacemento do maior parque desenvolvido en décadas). Lembrou tamén que dos
90.000 metros cadrados que ten ese ámbito, máis do 90 % se destinará a uso público.
Mato repasou a historia do convenio e lembrou que o documento acordado polo
alcalde Irisarri cando el era concelleiro de Urbanismo non se puido chegar a materializar porque quedou pendente o proxecto de equidistribución do Sánchez
Aguilera, aínda que si se cumpriron xa as outras dúas contraprestacións urbanísticas que
tamén figuran no convenio actual, como son a modificación puntual do PXOM no
cuarteliño de mariñeiría e o Plan Especial do Sánchez Aguilera, ambas aprobadas no
2010. Agora, unha vez ratificado o convenio no pleno, a Xunta de Goberno Local está
en disposición de aprobar definitivamente a primeira desas tres condicións.
“Estou moi satisfeito de cumprir un compromiso electoral, pero que tamén era
persoal”, dixo o alcalde antes de explicar que o Concello vai “tutelar” a urbanización do
Sánchez Aguilera, mentres que os custes do proxecto e da súa execución correrán a
cargo do Ministerio de Defensa.
O acordo entre Concello e Invied suporalle á cidade ganar dez propiedades. A de
maior importancia, por atoparse no centro urbano, é antedita do Sánchez Aguilera,
delimitada pola avenida do Rei, a estrada de Catabois e as rúas Virxe da Cabeza,
Cardosas e Roi Xordo. Neste caso, Ferrol terá a oportunidade de dispor de 90.000
metros cadrados en pleno corazón da cidade. O Concello será titular do uso dotacional e
de 17.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos públicos libres cuxa urbanización
sufragará o Invied.
O Convenio tamén implica que Ferrol se fará con outras parcelas no rural: o
Polvorín de Mougá (210.877 metros cadrados); o Polígono de Tiro de Catabois (15.980
metras cadrados); o Cuartelillo de San Luís, en Canido (4.027 metros cadrados); o
Campamento de Covas (487.798 metros cadrados); o Cuartelillo de Monte Covas (6.694
metros cadrados); o Polígono de Tiro de Doniños (86.583 metros cadrados); a Estación
Torpedista da Armada, en San Felipe (20.261 metros cadrados) e Observatorio
Meteorolóxico de Monteventoso (117.070 metros cadrados); Pola súa banda, co
Convenio aprobado o Concello adquiriría tamén a estación de Radio ‘El Molino’, en
Mandiá (125.338 metros cadrados), que contribuiría á creación de chan industrial.