O goberno local de Ferrol presentou na mañá de hoxe aos
grupos municipais a proposta de anexo de subvencións nominativas para o presente ano,
que en total suman 1.756.114,62 euros, ao que hai que sumar a axuda xa aprobada de
75.000 euros para a Agrupación de Protección Civil, en total 1.831.114,62 euros, o que
supón un aumento de preto dun 10 % respecto ao pasado ano, cando se outorgou a
mesma cantidade á agrupación. O concelleiro de Facenda, Rafael Fernández Beceiro, deu
conta durante a comisión de área aos grupos municipais da proposta, que inclúe unha
previsión de subvencións para varias áreas municipais.
A proposta presentada esta mañá aos grupos, e que deberá ser aprobada en pleno,
propón aumentar para este ano en máis dun 10% o importe das subvencións a entidades
sociais, o que supón repartir 552.800 euros entre 39 entidades sociais. Unha das
novidades para este exercicio é a nova subvención para a Fundación Universitario
Ferrol UNI2, un proxecto de baloncesto inclusivo para persoas con discapacidade no
ámbito da saúde mental en cuxo nacemento participou directamente a concellería de
Benestar Social, da que é titular Eva Martínez Montero. Ademais, aumentouse a partida
para as entidades destinadas a abordar a saúde mental e os casos de dependencia da poboación. É o caso de Aspaneps, que traballa na intervención coas familias con
problemas psicosociais e que pasa de recibir 40.000 euros o pasado ano a 50.000 euros
este ano, ou de Aspanaes, dedicada á valoración, diagnoses e orientación en materia de
autismo e que aumenta en 10.000 euros a subvención ao recibir 15.000 euros. Pola súa
banda, a Asociación Teima Síndrome de Down, pasa de 36.000 a 40.000 euros e Afal,
dirixida á mellora da calidade de vida das persoas con alzheimer, pasa de 7.000 a 15.000
euros. O aumento na maioría das subvencións destinadas a entidades sociais “demostra
o esforzo deste goberno por manter estes magníficos servizos e atencións que prestan
estas entidades locais”, apuntou a concelleira. Outros exemplos son Cogami, para a
integración social das persoas con discapacidade, que pasa de 10.000 a 15.000 euros, a
asociación de persoas xordas de Ferrol, que pasa de 27.000 a 30.000 euros ou Cáritas,
que pasa de 45.000 a 50.000 euros.
En canto ás subvencións nominativas para entidades deportivas, o goberno local
propón pasar dos 765.565,62 do pasado ano a 780.565,62 para este exercicio. Destaca o
aumento da que recibirá o Club Basketmi Ferrol, de baloncesto en cadeira de rodas, que
pasa dos 30.000 do pasado ano a 45.000 euros en 2023.
Execución orzamentaria
Por outra parte, o concelleiro responsable de Facenda tamén deu conta en comisión da
liquidación orzamentaria do pasado ano. Fernández Beceiro explicou que en 2022 se
executaron preto de 70 millóns de euros, é dicir, preto de 10 millóns máis que en 2021,
e lembrou que no 2013, a mellor execución durante o mandato do PP, executáronse só
50 millóns.
Ademais, indicou, hai que ter en conta que o Concello fixo fronte no 2022 á
última liña do PAME e aínda ten pendente ingresar 800.000 euros da Deputación para
sufragalo. Dito iso, indicou, o remanente de Tesourería sitúase en 6,3 millóns de euros,
asi que o Concello “dispón de liquidez”. No ano 2022 a Administración local “non
estivo sometido a tensións de tesourería e non se gastou nin un só céntimo da liña de
crédito concertada para sufragar investimentos”.