Novas

martes, 07 de marzo de 2023

O Concello intensifica a promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial coa posta en marcha dunha plataforma para percorrer os edificios do século XVIII

A edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou que son 25 os inmobles incluídos nesta nova ruta, que lucen unha placa con código QR que enlaza á web con toda a información en galego, castelán en inglés de cada parada e un mapa. Súmase á outra ruta posta en marcha polo Concello sobre os 28 edificios modernistas do ferrolán Rodolfo Ucha. Xa están dispoñibles nas oficinas de turismo os novos folletos


O Concello intensifica a promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial coa posta en marcha dunha plataforma para percorrer os edificios do século XVIII

O Concello de Ferrol continúa sumando iniciativas cara a intensificar a promoción e divulgación da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, que leva por nome ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’. Co obxectivo de unificar a identificación dos edificios do século XVIII, o Concello vén de poñer en marcha unha plataforma dixital que engloba un total de 25 inmobles da cidade do século XVIII: o Arsenal Militar; a parroquia castrense de San Francisco; a Fonte de San Roque; o monumento a Churruca; o palacio e Capitanía; rúa Magdalena, 234; Antigo Hospicio municipal; Nosa Señora das Dores; rúa Real, 199; Ateneo Ferolán; rúa Magddalena, 171; concatedral de San Xiao; rúa Magdalena, 125; hospital da Caridade; rúa Magdalena, 111; rúa Terra, 4; antigo goberno militar; Capela das Angustias; rúa Mac Mahón, 18; Casa do Patín; cuartel de Dolores; porta do asteleiro; cemiterio de Canido; dique da Cabana; e o priorado da Cabana.


A maioría deles xa locen unha placa cun código QR que leva á nova plataforma, que inclúe un mapa e información de cada un deles en galego, castelán e inglés. O resto colocaranse nas próximas datas. Ademais, xa están dispoñibles nas oficinas de turismo da cidade, no porto e na praza de España, os folletos informativos, dos que se editaron 5.000 unidades. 

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que ao igual que sucede coa Ruta Modernista —tamén impulsada desde o Concello (https://modernismo.visitferrol.com/) e que aglutina os 28 edificios modernistas do arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha—, á da Ilustración tamén se poderá acceder desde a web de Turismo de Ferrol: https://visitferrol.com/arquitectura-del-s-xviii-en-ferrol-dela-ilustracion/ e desde a específica sobre da candidatura a Patrimonio Mundial (https://ferrolpatrimoniomundial.gal/es/ruta-de-la-ilustracion/). Folleto: https://visitferrol.com/wp-content/uploads/2023/03/FolletoArq18Ferrol_web.pdf 

Máis accións para a difusión da candidatura a Patrimonio Mundial 
A edil indicou que esta iniciativa forma parte das accións municipais dirixidas á promoción e divulgación da candidatura ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’, que suma xa preto de 6.619 apoios por parte da cidadanía e entidades a través da páxina web https://ferrolpatrimoniomundial.gal/adhesions/. En canto a outras propostas en torno á candidatura, na actualidade o Concello está a traballar na preparación e promoción da terceira edición do Festival Ilustrado, que terá lugar do 14 ao 16 de abril, e nos avances no expediente da candidatura, que revisará o experto internacional Alfredo Conti. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar