Novas

venres, 03 de marzo de 2023

O Concello ofrece ás entidades culturais da cidade un curso gratuíto de reanimación e uso de desfibriladores

A formación será de oito horas entre a parte teórica e a práctica. A próxima semana recibirán o ciclo un centenar de persoas dos 15 clubes deportivos inscritos na iniciativa, que busca “mellorar as expectativas de supervivencia das persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria”, dixo o concelleiro de Seguridade e Saúde. Germán Costoya indicou que desde o Concello “tratamos de que o maior número posible de persoas obteña coñecementos para unha actuación precoz ante unha situación de emerxencia”


O Concello de Ferrol continúa ofertando cursos gratuítos aos diferentes colectivos da cidadanía co fin de proporcionar coñecementos en reanimación e uso de desfibriladores automáticos (DESA) ao maior número de persoas. Xa a recibiron operarios dos mercados municipais e a próxima semana o farán preto dun centenar de persoas dos 15 clubes deportivos inscritos na iniciativa. Esta mesa semana o o Concello ofertou o mesmo curso ás entidades culturais, que xa poden inscribirse no correo coordinadorseguridade@ferrol.es. 


A iniciativa, tal e como explicou o concelleiro de Seguridade e Saúde, Germán Costoya, busca “mellorar as expectativas de supervivencia das persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria”. “Tratamos de que o maior número posible de persoas obteña coñecementos para unha actuación precoz ante unha situación de emerxencia”. Ao rematar a formación, os participantes reciben o diploma acreditativo que posibilita o manexo do DESA a nivel nacional. O curso inclúe formación na cadea de supervivencia, en resucitación cardiopulmonar-RCP e en técnicas de soporte vital básico. 

Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello tras a instalación nas últimas datas de desfibriladores semiautomáticos (DESA) en distintos puntos da cidade. Na actualidade, Ferrol conta cun total de 40 distribuídos en lugares como os mercados municipais, o centro municipal Torrente Ballester, Biblioteca, Teatro Jofre, Auditorio, en varias instalacións deportivas e no propio Concello. Pola súa banda, a Agrupación de Protección Civil de Ferrol conta con dez unidades e o servizo municipal de praias, que se encarga do socorrismo na tempada estival, con outros nove. 

O edil lembrou que a posta en marcha desta formación, que nas próximas datas estenderase a outros colectivos da cidade, responde a que as enfermidades cardiovasculares constitúen “un dos problemas de saúde máis importantes, e que de todas as situacións de emerxencia, nunha reanimación cardiopulmonar a actuación precoz e contar cos medios adecuados condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e a minimización das posibles secuelas”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar