Novas

venres, 03 de marzo de 2023

O Concello celebrará o Día da Muller con charlas coloquio, actuacións no rural, presentacións de libro, microteatros e a Gala de entrega do Galardón 8-M

Este ano recaerá na catedrática, científica e investigadora da Universidade da Coruña, Ana Jesús López Díaz. A concelleira de Muller, Cristina Prados, indicou que pode consultarse toda a programación en www.ferrol.gal/8m


O Concello celebrará o Día da Muller con charlas coloquio, actuacións no rural, presentacións de libro, microteatros e a Gala de entrega do Galardón 8-M

O Concello de Ferrol xa ten deseñado o programa de actividades, todas de balde, con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller. A concelleira de Muller, Cristina Prados, anunciou que inclúe charlas coloquio, presentacións de libro, microteatros, espectáculos na zona rural e a tradicional Gala de entrega do Galardón 8-M, que este ano será para a catedrática, científica e investigadora da UDC Ana Jesús López Díaz. Ademais, nos partidos que se celebrarán os días 4 e 5 no pavillón municipal da Malata, os xogadores do Racing de Ferrol, o Parrulo F.S. e as xogadoras do Baxi Ferrol lucirán a pancarta da campaña deste ano. Pode consultarse toda a programación na web www.ferrol.gal/8m


O martes, 7 de marzo, ás 19 horas, o auditorio do centro cultural Torrente Ballester acollerá o coloquio ‘Mulleres no seu contexto profesional’ coa participación de Patricia Maroño, tenente Garda Civil Ferrol; Ana Isabel Ares, directora do Campus Industrial Ferrol – UDC; Anita Sánchez, práctico militar do Arsenal Militar Ferrol; e Begoña Rodríguez, responsable de ‘Mellora de procesos e calidade’ -Navantia Ferrol. Tamén o martes haberá tres quendas (19h, 20h e 21h) para participar no Rocódromo do estadio da Malata, en colaboración co club de Montaña de Ferrol, nunha actividade de escalada. É necesaria a inscrición previa, de balde, en secretariacmf@gmail.com. 

O mércores, 8 de marzo, ás 12 horas no Cantón, terá lugar a lectura da declaración institucional e a plantación de roseiras para lembrar ás mulleres asasinadas en España dende o 25 de novembro de 2022 ata o 8 de marzo de 2023. 

O xoves, 9 de marzo, ás 19.30 horas, celebrarase no Auditorio do centro municipal Torrente Ballester a presentación e coloquio do libro ‘As dez mil fillas de Irene. 100 anos de fútbol feminino galego’. Participarán Alex Centeno, xornalista e autor do libro; Fina Piñeiro (Fina Rexach); e Conchi Saavedra, ex-xogadoras do Ferrándiz. O venres10 e sábado 11 de marzo, de 20.30 a 23.30 horas, haberá 12 sesións de microteatros en locais hostaleiros, que se anunciarán nas próximas datas na web. 

Tamén na zona rural 
O sábado, 11 de marzo, o programa de actividades deseñado polo Concello de Ferrol trasladarase á zona rural cun espectáculo teatral e musical para adultos e nenos coa actriz Atenea García. Será ás 17 horas na Asociación Veciñal da Graña e ás 20 horas na Asociación Veciñal de Esmelle. 

O domingo, 12 de marzo, ás 19.30 horas, terá lugar no Teatro Jofre a Gala para a entrega do Galardón 8-M. Para asistir será necesario retirar previamente as entradas, de balde, desde hoxe mesmo no despacho de billetes do teatro. O evento contará coa actuación musical de Bea Rivas, Elena Rivas, Fausto Escrigas e o grupo de baile ‘Descalzas e libres’. Todas as persoas asistentes a este acto serán agasalladas cunha cunca coa imaxe da campaña institucional do 8-M. 

O día 14, ás 19:30 horas, no auditorio do centro cultural Torrente Ballester haberá unha charla coloquio de artigos de Hildegart na prensa socialista coa participación de Rosa Cal, escritora e investigadora; Francisco Xavier Arredondo, autor, historiador e bibliotecario na USC; e Eliseo Zaera, autor, bibliotecario e ex-presidente do Ateneo Ferrolán. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar