Novas

venres, 03 de marzo de 2023

O Concello avanza na humanización da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, que inclúe beirarrúas máis amplas e a retirada definitiva do adoquín

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou os traballos e explicou que ao igual que sucedeu na praza do Callao e na rúa Lugo, o formigón substituirá ao actual firme. A finais da próxima semana está previsto o inicio da escavación para a continuación soterrar os diferentes servizos Indicou que tanto a pequena zona axardinada como o granado á altura da rúa Virxe manteranse aínda que con algunha mellora na definición nos límites deste espazo


O Concello avanza na humanización da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, que inclúe beirarrúas máis amplas e a retirada definitiva do adoquín

O Concello de Ferrol está a avanzar na obra de humanización da rúa San Francisco, no barrio de Ferrol Vello, logo que nas últimas datas se realizaran os traballos previos para unha actuación á que se destinan 683.500 euros. Trátase dunha obra cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014- 2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”. O Concello de Ferrol aportará o 20 % restante. 


Na actualidade xa está retirado o adoquín do primeiro tramo, entre a praza Vella ata o cruce coa recentemente renovada rúa Carmen Curuxeiras, tal e como lembrou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, tras visitar onte a obra acompañado por técnicos e representantes dos veciños. A intervención estase a executar por fases “para xerar as menores molestias posibles aos residentes”. Explicou que a finais da próxima semana darán comezo os labores de escavación para a continuación soterrar os diferentes servizos. 

Ademais, o concelleiro puntualizou que tanto a pequena zona axardinada como o granado do lateral de San Francisco coa rúa Virxe manteranse aínda que con algunha mellora na definición nos límites deste espazo. “Seguirá sendo un lugar aberto e orientado á estancia dos veciños”, indicou. 

Reina explicou que ao igual que sucedeu na praza do Callao ou na rúa Lugo, nesta intervención o formigón tamén substituirá definitivamente ao actual adoquín na calzada. O proxecto contempla a ampliación das beirarrúas, especialmente estreitas nalgúns puntos da rúa, mentres que o ancho da calzada será de tres metros ao longo de toda a vía. Deste modo, explicou o edil, “nunha das principais arterias do barrio de Ferrol Vello o peón ganará protagonismo ao dispor de beirarrúas máis amplas e atractivas para o paseo a pé”. 

Plataforma única e espazos para carga e descarga 
Ademais de eliminar o adoquín, a humanización da rúa San Francisco inclúe converter a vía en plataforma única, é dicir, desaparecerá a actual diferencia de cota entre a calzada e a beirarrúa aínda que o trazado da zona de peón manterase perceptible posto que se utilizarán materiais diferentes. A actual pedra histórica nas beirarrúas manterase e a ampliación será a base de lousa de granito. Pola súa banda, en canto á calzada, á altura da confluencia coa rúa San Antonio e coa Praza de San Francisco empregaranse lousas de granito. 

Ademais, tendo en conta o volume de locais hostaleiros da rúa, está previsto habilitar dúas zonas de carga e descarga, unha próxima á praza Vella e outra nas inmediacións da praza San Francisco, esta última como resposta á demanda dos establecementos hostaleiros da zona.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar