Novas

xoves, 02 de marzo de 2023

O proxecto de equidistribución do ámbito do Sánchez Aguilera, listo para a súa aprobación definitiva pola Xunta de Goberno Local

Unha vez incluída a alegación aceptada, o documento foi remitido ao Grupo Municipal do PP coa súa redacción final para dar cumprimento á solicitude trasladada ao goberno. A ratificación do convenio entre o Concello e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa será sometida ao pleno da corporación o vindeiro martes


O proxecto de equidistribución do ámbito do PERI 2-R Sánchez Aguilera está listo para a súa aprobación definitiva pola Xunta de Goberno Local. Trátase da derradeira contraprestación urbanística incluída no convenio entre o Concello e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied) que quedaba pendente de resolver. Unha vez sometido a exposición pública e resoltas as tres alegacións presentadas, a redacción final inclúe xa a única que foi aceptada, a presentada polo Partido Popular.


Este grupo político tiña solicitado ter acceso a ese documento, polo que, “en aras dunha total transparencia no referido a un tema tan importante para a cidade”, lle foi remitido na tarde de onte, segundo confirmou o alcalde, Ángel Mato. Avanzou tamén que en próximas datas se lle facilitará o informe xurídico que pediu, a maiores, sobre diversas dúbidas relacionadas co proxecto. Mato insistiu en que, aínda que non se trate de solicitudes de obrigado cumprimento por parte do goberno local, non hai ningún inconveniente en atendelas, porque a tramitación de todo o referido ao convenio con Defensa “é impecable e conta con todos os parabéns dos órganos e técnicos correspondentes”. 

Por outra parte, tamén está concluído o procedemento para que o pleno poida votar a ratificación do propio convenio, unha vez que a Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación ditaminou a Proposta de desestimación das alegacións fronte ao documento aprobado inicialmente pola corporación o 17 de marzo do 2015 e que o alcalde José Manuel Rey asinou o 25 de marzo seguinte. Esa sesión extraordinaria xa ten data de celebración: será o vindeiro martes, 7 de marzo. Segundo explicou esta mañá o alcalde, unha vez vote o pleno, está previsto que en cuestión de días a Xunta de Goberno Local aprobe de xeito definitivo o proxecto de equidistribución do Sánchez Aguilera. 

O acordo entre Concello e Invied suporalle á cidade ganar dez propiedades. A de maior importancia, por atoparse no centro urbano, é a parcela do Sánchez Aguilera, delimitada pola avenida do Rei, a estrada de Catabois e as rúas Virxe da Cabeza, Cardosas e Roi Xordo. Neste caso, Ferrol tería a oportunidade de dispor de 90.000 metros cadrados en pleno corazón da cidade. O Concello será titular do uso dotacional e de 17.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos públicos libres cuxa urbanización sufragará o Invied para despois cederllos gratuitamente ao Concello. 

O Convenio tamén implica que Ferrol se fará con outras parcelas no rural: o Polvorín de Mougá (210.877 metros cadrados); o Polígono de Tiro de Catabois (15.980 metras cadrados); o Cuartelillo de San Luís, en Canido (4.027 metros cadrados); o Campamento de Covas (487.798 metros cadrados); o Cuartelillo de Monte Covas (6.694 metros cadrados); o Polígono de Tiro de Doniños (86.583 metros cadrados); a Estación Torpedista da Armada, en San Felipe (20.261 metros cadrados) e Observatorio Meteorolóxico de Monteventoso (117.070 metros cadrados); Pola súa banda, co Convenio aprobado o Concello adquiriría tamén a estación de Radio ‘El Molino’, en Mandiá (125.338 metros cadrados), que contribuiría á creación de chan industrial.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar