Novas

mércores, 01 de marzo de 2023

Ángel Mato valora que os plans de ordenación do espazo marítimo sitúen Ferrol como centro da eólica mariña a nivel estatal

“Dispoñemos de todo o conglomerado industrial tanto para a construción dos parques como para a súa operación e o seu mantemento”, asegurou o alcalde sobre a creación ante as costas da comarca da meirande zona de alto potencial para o desenvolvemento desa tecnoloxía de xeración enerxética


O alcalde, Ángel Mato, valorou hoxe o contido dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) que vén de aprobar o Consello de Ministros. “Damos un paso de xigante como país e estou moi satisfeito de que o Goberno estea na liña do que vimos reivindicando dende Ferrol para que sexa posible crear novos parques de eólica mariña”, valorou o rexedor. Isto vai permitir, dixo, que España non só lidere a construción dos soportes para as plantas de produción de enerxía eólica mariña, senón que tamén terá nas súas propias costas, onde o recurso eólico é mais abondoso, infraestruturas que permitirán o abaratamento da enerxía e “reducir a dependencia de outros países para non estar sometidos a fluctuacións que teñen que ver, por exemplo, co contexto xeopolítico”. 


Para Mato, “é unha gran noticia para a cidade porque en Ferrol e Ferrolterra dispoñemos de todo o conglomerado industrial tanto para a construción dos parques como para a súa operación e o seu mantemento”, de modo que vai supoñer xeración de emprego e novas oportunidades de diversificación industrial. Ademais, vai permitir “avanzar en innovación e reter o talento e que a xente nova se poida incorporar a un sector á alza en todo o mundo, e especialmente en Europa”, dixo. 

O alcalde considera que agora é necesario que as Administracións colaboren para que Ferrol poida acoller o polo de I+D en enerxías renovables mariñas e almacenamento, pero “tócalle á Xunta anunciar que ese centro se vai situar aquí, na cidade”, lembrou. 

Finalmente, destacou a importancia de que se vai incorporar unha nova fonte limpa ao mix enerxético, e iso vai provocar o abaratamento da enerxía, pero quixo sinalar que se tivo moi en conta que os parques poidan convivir “con outro sector moi importante para Galicia, como é o da pesca”. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar