Novas

mércores, 01 de marzo de 2023

O Concello rematará esta semana con máis de 60 vehículos retirados da parcela do Sánchez Aguilera

En total está previsto retirar nesta primeira fase un total de 413 coches coa axuda de dous guindastres. O alcalde, Ángel Mato, trasladou esta semana á secretaria de Estado de Defensa que nos vindeiros días se convocará un pleno extraordinario para someter á votación dos grupos o convenio co Ministerio de Defensa, que regula que este e outros nove espazos pasarán a titularidade municipal


O Concello rematará esta semana con máis de 60 vehículos retirados da parcela do Sánchez Aguilera

O Concello de Ferrol comezou a mediados do mes de febreiro a retirada de vehículos da céntrica parcela do antigo cuartel Sánchez Aguilera, delimitada pola avenida do Rei, a estrada de Catabois e as rúas Virxe da Cabeza, Cardosas e Roi Xordo. A empresa de despezamento adxudicataria para executar esta intervención está a trasladar coches ás súas instalacións para a súa posterior descontaminación e compactaxe. En total, retiraranse nesta primeira fase, coa axuda dun guindastre con capacidade para tres vehículos e outro para un, un total de 413 vehículos, os xa cualificados como residuos. A empresa xa sacou máis de 40 e a previsión é rematar esta semana con ao menos 60 vehículos fora da parcela. 


A vontade do goberno local é sacar do Sánchez Aguilera a totalidade dos coches que aí se atopan. Trátase do espazo crucial do convenio entre o Concello de Ferrol e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied), pertencente ao Ministerio de Defensa, que regula que a Administración local será titular desta e doutas nove parcelas no municipio. De feito, o alcalde, Ángel Mato, trasladou esta semana en Madrid á secretaria de Estado de Defensa, María Amparo Valcarce, que nos vindeiros días o goberno local convocará un pleno extraordinario para someter ao voto dos grupos municipais a ratificación do convenio, firmado inicialmente no ano 2015.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar