O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya,
acompañado polo xefe da Agrupación de Protección Civil de Ferrol (AVPC), Alejandro
Santiago, presentou esta mañá a memoria do traballo desenvolvido pola AVPC ao longo
do pasado ano 2022. O edil destacou tanto o incremento no número de efectivos desde o
ano 2019, ao pasar de 54 aos 117 actuais, o que supón un incremento de máis de 116 %,
como o aumento na calidade do servizo “pola súa alta especialización no eido
sanitario”, indicou. De xeito, dos 117 efectivos, máis de 50 teñen un perfil no ámbito da
saúde.
Os 1.151 servizos desenvolvidos no 2022 —o dobre que o ano anterior— entre
asistencia sanitaria, medio ambiente, rescates e servizos sociais supuxeron máis de
27.000 horas de traballo cunha media de 22 operativos á semana. Entre eles, a
agrupación de Protección Civil de Ferrol atendeu a 46 persoas por paradas
cardiorespiratorias e realizou 472 teleasistencias domiciliarias por caídas de persoas
maiores no seu fogar. A maioría dos servizos foron en xullo e agosto.
Destaca tamén a colaboración dos efectivos na recollida, almacenamento e
preparación do material doado pola cidadanía de Ferrol con destino a Ucraína; o simulacro de accidente que se celebrou en Esteiro no mes de maio xunto con
Bombeiros, Policía Local e coa colaboración da Axega con motivo da Semana da
Seguridade Viaria; ou o servizo prestado durante as festas de verán, entre outros. Do
total, 129 foron apoios ao 061.
O edil explicou tras analizar o resultado da enquisa que acompaña á memoria que
a valoración que fai a cidadanía respecto ao servizo que presta Protección Civil “é moi
positivo”. Das 1.806 persoas que participaron, o 86,5 % outorga un 5 (a puntuación
máxima) ao tempo de chegada do recurso; o 83,8 % da esta puntuación á xestión global
do servizo; e o 94,6 % valora cun 5 a rapidez na prestación do servizo. Por último, o
edil lembrou que ao longo do 2022 os efectivos de Protección Civil realizaron un total
de 16 cursos de formación, entre eles de apoio psicolóxico en situacións de estrés ou
catastróficas; na busca de persoas desaparecidas; no uso do soporte vital básico e
DESA; ou para rescates en lugares de difícil acceso.
Pola súa banda, Santiago agradeceu o labor dos integrantes da agrupación e
destacou, ademais do seu perfil sanitario, o traballo da Unidade de Medio Ambiente en
colaboración co Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) para a
recuperación de mamíferos varados.