luns, 23 de xaneiro de 2023
O goberno local impulsa a creación do Instituto Municipal de Deportes coa redacción duns estatutos que presentará aos grupos municipais
O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que unha vez se acorden tamén coas entidades se levarán a pleno para a súa aprobación inicial. “É practicamente unánime a percepción de que cun órgano autónomo funcionaba infinitamente mellor”
O goberno local de Ferrol está a impulsar a creación do Instituto Municipal de Deportes, tal e como anunciou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina, tras abordalo na Xunta de Goberno Local de hoxe. O tamén concelleiro de Urbanismo explicou que o goberno ten preparados uns estatutos que “en breve” se presentarán aos grupos políticos en comisión informativa e ás entidades deportivas para que poidan estudalos e realizar propostas para posteriormente elevalos ao pleno para a súa aprobación inicial.