sábado, 21 de xaneiro de 2023
O Concello iniciará a próxima semana a construción da base de formigón da nova beirarrúa da marxe das vivendas da rúa Igrexa, que chegará ata os catro metros
Está previsto que a colocación das novas lousas de granito comece a principios de febreiro polo quinteiro entre San Diego e Arce. As pedras históricas que se están a retirar se empregarán na reurbanización da contorna da concatedral de San Xiao. A Administración local destina a esta obra máis de 4 millóns de euros
O Concello de Ferrol está a avanzar na reurbanización e humanización da rúa Igrexa, unha intervención á que destina máis de 4 millóns de euros. Tras o inicio esta semana da retirada de pedra histórica da beirarrúa da marxe das vivendas polo quinteiro de San Diego con Arce, o Concello vai iniciar a próxima semana a base de formigonado neste tramo, e avanzará por quinteiros a medida que se retiren as pedras, tal e como anunciou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, quen lembrou que esta beirarrúa ampliarase ata os 4 metros de ancho.