sábado, 21 de xaneiro de 2023
O alcalde comprobou no Ministerio para a Transición Ecolóxica a situación do trámite ambiental da fábrica de bloques de Navantia
Ángel Mato visitou a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, departamento que tramita o procedemento, e reuniuse co seu secretario, Santiago Martínez, ao que ofreceu a colaboración do Concello de Ferrol para actuar como interlocutor antes aos diferentes organismos autonómicos e locais que deben emitir informes, dada a importancia de axilizar a entrega dos documentos para acurtar prazos

O alcalde, Ángel Mato, visitou o pasado xoves o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o reto demográfico co fin de comprobar a situación na que se atopa a avaliación de impacto ambiental da futura fábrica de bloques de Navantia. O departamento con competencias sobre a avaliación ambiental estratéxica de proxectos de competencia estatal é a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, que nestes momentos está reunindo os informes preceptivos para finalizar o que é o último paso antes da posta en marcha das obras. Mato reuniuse co seu secretario, Santiago Martínez, con quen analizou o punto no que se atopa o procedemento, e ofreceulle a colaboración do Concello de Ferrol á hora de traslaarlles ás Administracións, organismos e entidades de ámbito autonómico e local que aínda non presentaran eses documentos a importancia de axilizar a súa entrega para que, tal como está previsto, as obras poidan comezar en primavera.