xoves, 19 de xaneiro de 2023
Proposta de adxudicación para a prestación do servizo de mantemento de instalacións eléctricas municipais
O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, presidiu esta mañá unha nova sesión da Mesa de Contratación do Concello de Ferrol
A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol celebrada esta mañá propuxo para adxudicación a prestación do servizo de mantemento das instalacións eléctricas das dependencias, iluminación pública e semafóricas do Concello de Ferrol por importe de 975.581,98 euros ao ano (impostos incluídos) e contempla 105.000 euros anuais (con impostos) para a realización de investimentos.
O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, quen presidiu a sesión, anunciou que
está previsto que a súa adxudicación se aborde na Xunta de Goberno Local do día 30 de
xaneiro. Lembrou que o contrato ten un prazo de execución de dous anos, prorrogables
por outros dous máis seguindo a fórmula 2+1+1. Entre as condicións, inclúese a
conservación, reparación e mantemento das instalacións de iluminación exterior —
acometidas, liñas, cadros, arquetas, canalizacións, apoios, caixas de derivación,
proteccións, luminarias, equipos e lámpadas—, semafóricas —tamén reguladores,
elementos semafóricos, grupos ópticos, entre outros— e interiores —como canaletas,
tubos, bornes, grampas, interruptores ou tomas de corrente—. Tendo en conta o
inventario de instalacións eléctricas existentes na cidade, a empresa adxudicataria
disporá, como mínimo, dun enxeñeiro, un encargado e un administrativo, ademais de
aumentarse o número mínimo de empregados, ao pasar de 8 a 12, garantindo a cobertura
das vacacións e das baixas que se produzan entre o persoal. Respecto ao anterior prego,
mellóranse tamén as quendas de traballo dos empregados.
Tamén revisións periódicas e citas puntuais
O novo contrato introducirá inspeccións periódicas, tamén durante a noite, con revisións
dos puntos de luz esgotados ou lámpadas fundidas das instalacións de iluminación
exterior, medición de parámetros lumínicos, ou, en xeral, calquera outro traballo que
requira de nocturnidade. A empresa adxudicataria tamén levará a cabo a totalidade dos
traballos de montaxe e desmontaxe dos motivos de Nadal pertencentes ao Concello e
tamén dos elementos eléctricos precisos para a organización de citas como as Festas de
Ferrol, a Feira Medieval ou as Pepitas, entre outras. Tamén se asistirá á organización da
Semana Santa. Do mesmo xeito inclúense os traballos de montaxe e desmontaxe da
alimentación eléctrica e megafonía nas praias de San Xurxo, Covas, Punta Penencia e
Doniños.
Avances na contratación para rehabilitar o bloque 14 da estrada de Castela
Reina tamén informou que na sesión de hoxe avanzouse no proceso de contratación para
as obras do proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente para a
mellora da eficiencia enerxética no número 14 da estrada de Castela, en Recimil, unha
actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (Feder)
no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020.
Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE
FERROL, CIDADE 2020”.