Novas

xoves, 19 de xaneiro de 2023

O Concello intensifica a promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial co deseño das placas que identificarán edificios do século XVIII

A edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou que estarán instaladas a mediados de febreiro. Ao igual que sucede coa Ruta Modernista, levarán un código QR que conducirá a unha nova plataforma con información dos inmobles e un mapa. A candidatura ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’ rexistra xa preto de 5.700 apoios por parte da cidadanía


O Concello intensifica a promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial co deseño das placas que identificarán edificios do século XVIII

O Concello de Ferrol continúa sumando iniciativas cara a intensificar a promoción e divulgación da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, que leva por nome ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’. Co obxectivo de unificar a identificación dos edificios do século XVIII, o Concello vén de rematar o deseño das placas que lucirán na gran maioría dos inmobles rexistrados na listaxe elaborada polos técnicos municipais: A Fonte de San Roque; a parroquia castrense de San Francisco e capela da Orde Terceira; Obelisco a Churruca; Palacio de Capitanía; Concatedral de San Xiao; Igrexa da Nosa Señora dos Dolores; santuario da Nosa Señora das Angustias; antigo goberno militar-Afundación; Hospital da Caridade-centro municipal Torrente Ballester; Ateneo Ferrolán; Antigo Hospicio; rúa Real, 199; rúa Terra, 4; rúa Magdalena, 171 (Acevedo); rúa Magdalena, 234; Casa do Patín-Biblioteca Universitaria da UDC; porta dos estaleiros-Cadro Esteiro; cemiterio de Canido; Dique da Cabana; Priorato da Cabana; Esteiro Mac Mahón, 18; rúa Magdalena, 111; Magdalena, 125; Arsenal Militar e Cuartel de Dores. 


A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que a gran maioría destes inmobles lucirán a nova placa, que ao igual que sucede coa Ruta Modernista —tamén impulsada desde o Concello (https://modernismo.visitferrol.com/)—, conterá un código QR que conducirá a unha nova plataforma con información sobre os edificios e un mapa. Tamén se poderá acceder desde a web municipal (https://www.ferrol.gal/) e a específica sobre a candidatura a Patrimonio Mundial https://ferrolpatrimoniomundial.gal/es/home/). A previsión é que comece a súa colocación a mediados do mes de febreiro. 

A edil indicou que esta iniciativa forma parte das accións municipais dirixidas á promoción e divulgación da candidatura ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’, que suma xa preto de 5.700 apoios por parte da cidadanía e entidades a través da páxina web https://ferrolpatrimoniomundial.gal/adhesions/. En canto a outras propostas en torno á candidatura, na actualidade o Concello está a traballar na preparación e promoción da terceira edición do Festival Ilustrado, que terá lugar do 14 ao 16 de abril, e “estamos á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio confirme a contía da súa achega de cara á contratación da coordinación e finalización do expediente”, trasladou Martínez Montero.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar