O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta tarde a
presentación do Concello de Ferrol na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se
celebra en Madrid ata o día 22 de xaneiro. O evento, co lema ‘Quero Ferrolearte’ e
dirixido polo periodista e escritor ferrolán Luis Fraga, centrouse na posta en valor da
riqueza cultural e patrimonial da cidade coa proxección de catro audiovisuais
promocionais (Meninas, Jazz ao Norte, destino de surf e Semana Santa) e a creación en
directo dunha menina a cargo do artista madrileño Sfhir, un dos invitados habituais no
Festival Meninas de Canido, que cada mes de setembro se celebra en Ferrol. En apenas
20 minutos e ante todos os invitados ao acto, o creador deu forma a unha nova obra nun
lenzo instalado expresamente para a presentación de Ferrol.
Na presentación participaron, ademais de Mato, o promotor das Meninas,
Eduardo Hermida; a concelleira de Turismo, María Teresa Deus, e o presidente da
Xunta de Confrarías de Semana Santa, evento co que se pechou o acto.
Mentres Sfhir plasmaba a Menina, o alcalde da cidade interviu para despertar
no público a ilusión por coñecer unha cidade nun acto no que a creatividade foi o fío
condutor. Ferrol “envolve ao visitante” nunha “experiencia que vai do arte urbano ao
patrimonio histórico pasando pola música”, trasladou.
Espazos espectaculares como “non existen en ningún outro lugar”
En canto a este terceiro aspecto, a música, Mato lembrou que hai dous anos o Concello
de Ferrol puxo en marcha o Festival Internacional ‘Jazz ao Norte’ “non só para dar
resposta a un público consolidado”, tamén para “mostrar espazos espectaculares como
non existen en ningún outro lugar”, dixo o alcalde mentres se proxectaron na pantalla
imaxes da segunda edición do certame.
Mato aproveitou a presenza de Ferrol no maior evento nacional de turismo para
anunciar que a terceira edición de ‘Jazz ao Norte’ se celebrará os días 13, 14 e 15 de
xullo. Trátase, presumiu, dun evento “único” pola “integración entre patrimonio,
paisaxe, vangarda e, por suposto, música, co obxectivo de ofrecer ao público unha
experiencia memorable”.
Mato invitou ao público a imaxinar asistir a un festival que
comeza “cun viaxe en barco ata o escenario, que está no interior dun castelo xunto ao
mar”. Tras desembarcar un guía “conduciraos polos recunchos da fortaleza ata que
empeza a soar, en directo, unha banda de prestixio internacional”, relatou o alcalde,
quen lembrou que xa pasaron polo festival figuras como Luísa Sobral, José James,
Chano Domínguez, Andrea Motis, Nouvelle Vague ou Hanna Williams. A terceira
edición, dixo, “incluirá tamén gratas sorpresas”.
Para rematar a súa intervención en Madrid, o alcalde lembrou que varios destes
bens forman parte da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial ‘Cidade de Ferrol.
Porto da Ilustración’, un proxecto “que ampara o inmenso valor histórico e cultural” da
cidade. “Confiamos”, concluíu, “en que calle ao longo desta década”.
Durante Fitur déronse a coñecer os datos de visitas ao castelo de San Felipe,
que o ano pasado recibiu case 42.000 visitas, e os de peregrinos que iniciaron o Camiño
Inglés en Ferrol, que foron arredor de 23.000.
As Meninas, protagonistas
A presentación inciouse co vídeo sobre o festival de Meninas, tras o que o promotor do
evento, o artista Eduardo Hermida, explicou os detalles dun certame que cada ano reúne
a milleiros de persoas en Canido. Foi, xunto coa pintura rápida de Sfhir, un dos
elementos máis espectaculares da presentación.