Ferrol volverá contar durante esta Semana Santa con
autobuses lanzadeira entre o aparcadoiro da Malata e a praza de Galicia. Repetirase así a
frutífera experiencia do ano pasado, cando arredor de 3.000 persoas empregaron este
medio de transporte para achegarse ao centro da cidade deixando o seu vehículo
estacionado nas inmediacións do estadio municipal.
O alcalde, Ángel Mato, e o director de Operacións e Mantemento de Alsa, Javier
Martínez Prieto, asinaron esta mañá en Madrid, no marco de Fitur, un protocolo de
colaboración coa intención de renovar este servizo. A falta de definir algúns detalles,
prestaríase de xeito similar ao do 2022 e, como entón, sería de carácter gratuíto para os
usuarios. O obxectivo é que entre en funcionamento o sábado 1 de abril, coincidindo
coa disputa do partido Racing-San Fernando, e se prolongue ata o día 9, Domingo de Resurrección. Deste xeito, ofrecerase ás persoas que visiten Ferrol no seu vehículo
particular unha alternativa de estacionamento cómoda, ao tempo que se libera tráfico no
núcleo urbano durante unha época do ano na que se rexistra unha gran afluencia de
xente.
Tanto o alcalde coma o director de Operacións e Mantemento de Alsa
coincidiron en que a boa experiencia do ano pasado invita a pensar en que nesta ocasión
se poderá incrementar o número de usuarios e consolidar así unha iniciativa con
vocación de continuidade.
Ambos sinalaron que iniciativas como esta contribúen a fomentar o uso do
transporte público e a desconxestionar o centro da cidade, para convertelo nun espazo
urbano máis amable e con menos fumes e ruídos.
Durante a Semana santa do 2022, os buses lanzadeira entre o aparcadoiro da
Malata e a praza de Galicia prestaron o servizo cunha frecuencia de 15 minutos entre as
8.00 e as 22.00 horas, con ampliación de horario ata a 1.00 o xoves e o venres, ata as
2.00 o sábado e ata as 0.00 o domingo. O percorrido incluía unha parada en Ferrol
Vello. Os dous vehículos que se empregaron contaban con 90 prazas cada un.