O Concello de Ferrol está a avanzar nas obras de
humanización e urbanización da rúa Igrexa, no barrio da Magdalena, con novos
progresos esta mesma semana. Por un lado, na actualidade estase a retirar desde o cruce
con San Diego a pedra histórica da beirarrúa da marxe das vivendas, que se substituirá
por lousas de granito que conformarán unha nova beirarrúa de 4 metros de ancho, é
dicir, 2,4 metros máis ampla que a actual.
O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou esta mañá o avance da obra
nesta importante vía do barrio da Magdalena e explicou que as pezas que se están a
retirar se están a enumerar para empregarse na reurbanización que se levará a cabo na
contorna da concatedral de San Xiao. A medida que se retiran no primeiro quinteiro, no
espazo das beirarrúas repoñeranse as conexións, iniciaranse as tarefas de relleno ata
alcanzar a cota óptima e construirase a base de formigón previa á colocación dos novas
lousas.
Por outra banda, continúa avanzando a construción da base de formigón ao longo
dos quinteiros da rúa Igrexa. O Concello de Ferrol comezou esta semana este labor no
terceiro desde San Diego, é dicir, entre Méndez Núñez e Sánchez Barcáiztegui, que consiste no volcado deste material sobre unha malla de ferro e a súa estabilización
cunha regra niveladora.
Con motivo do progreso da obra, está pechado ao tráfico rodado o cruce de Igrexa
con Sánchez Barcáiztegui, polo que os vehículos que circulen por esta última vía
deberán xirar á dereita por Magdalena. Ademáis, os coches que salgan á rúa Igrexa
desde o estacionamento do mercado da Magdalena sairán pola rúa Sánchez Barcáiztegui
en dirección subida ata a rúa Magdalena, onde deberán xirar á esquerda.
“Mellorar o entorno no que vivimos”
O concelleiro indicou esta mañá que a humanización da rúa Igrexa está a avanzar “aínda
que a climatoloxía das últimas datas no está a acompañar” e lembrou que o Concello
está a destinar a esta intervención máis de 4 millóns de euros co obxectivo de “converter
esta rúa en máis atractiva e amable para os nosos veciños e mellorar o entorno no que
vivimos”. A intervención inclúe un gran aporte vexetal, con 130 novos árbores ao longo
da nova beirarrúa, no lateral das vivendas.