martes, 17 de xaneiro de 2023
O Concello destinará 200.000 euros anuais ao corpo de bombeiros no marco do novo convenio para a mellora do servizo asinado coas aseguradoras
A partir de agora, os fondos achegados pola xestora de concertos investiranse directamente no departamento contraincendios e non pasarán á caixa xeral da Administración local, como se viña facendo históricamente

O Concello de Ferrol vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Xestora de Concertos para a Contribución dos Servizos de Extinción de Incendios AIE (entidade designada pola Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras, Unespa) polo que se fixan as condicións para a liquidación e recadación da contribución especial para o establecemento, mellora e ampliación do departamento contraincendios. Este acordo fixa o cálculo da achega económica que por parte das compañías aseguradoras se debe ingresar ao Concello. Así, establécese que, para cada un dos anos de vixencia (ata o 2025 incluído), esa cantidade será o resultado de sumar dous conceptos: o 5 % do total das primas de seguros de incendios e o 50 % da primas de seguros multirrisco, tamén do sector de incendios, recadadas, en ambos casos, no ano inmediatamente anterior e que se refiran a bens situados no termo municipal ferrolán.