sábado, 14 de xaneiro de 2023
O Concello promove obradoiros de costura para a elaboración de traxes de época con motivo do próximo Festival Ilustrado
A terceira edición desta cita terá lugar entre o 14 e 16 de abril

O Concello de Ferrol está a promover a celebración de obradoiros de costura para a confección de traxes do século XVIII con motivo da terceira edición do Festival Ilustrado, que este ano cambiará de datas co fin de desestacionalizar o turismo e buscar unha tempada de menor temperatura (ata agora era en xullo), polo que celebrarase a fin de semana seguinte a Semana Santa, é dicir, do14 ao 16 de abril.
Para incrementar a participación de persoas vestidas de época, desde o Concello de
Ferrol estase a promover ditos obradoiros de costura en colaboración coa asociación de
veciños de Caranza, que cedeu o seu espazo destinado aos cursos de corte e confección
para a realización dos talleres ilustrados, tal e como explicou a edil de Patrimonio
Histórico, Eva Martínez Montero. O pasado xoves celebrouse a primeira sesión dos
obradoiros no local situado na rúa Alcalde Quintanilla, L8 baixo 4, veciñal 2 (edificios
rosas). Terán lugar os xoves de xaneiro, febreiro e marzo, de 17 a 20 horas. As persoas
interesadas en participar poden acudir sen inscrición previa. Formáronse dous grupos, un
de 17 a 18.30 horas e outro de 18.30 a 20 horas.
A xastra de series tan exitosas como ‘Rapa’, Beatriz Sieira, é a encargada de
impartir estas clases de costura, que pretenden promover que unha gran parte da cidadanía
participe neste festival vestida de época. Integrantes da propia entidade veciñal ou da
rondalla Só Elas xa están a traballar na elaboración de traxes, ademais de usuarios do centro de día de Caranza. A concelleira visitou este local a pasada semana e comprobou
como o centro transformou unha das súas salas nun taller de costura, no que 13 dos seus
usuarios —doce mulleres e un home— traballaban “con entusiasmo e destreza” na
confección de bolsos, chales e chapeus.
Tras a visita, Martínez Montero destacou a implicación deste centro de día en “todas
as actividades que organiza o Concello de Ferrol, sobre todo aquelas que teñen que ver
coa posta en valor da nosa identidade, da nosa cultura e do noso patrimonio”. Tamén
agradeceu o “esforzo” realizado por este grupo de persoas maiores para elaborar traxes
para un festival que “pretende converterse nun referente cultural, turístico e de lecer á
altura do Arde Lucus (Lugo) ou dá Feira Franca (Pontevedra)”. A edil deu as grazas á
asociación veciñal de Caranza por “ofrecer as súas instalacións para desenvolver os
talleres e participar de forma activa no seu desenvolvemento”.