O Concello de Ferrol está a avanzar na humanización e
reurbanización da rúa Igrexa, unha actuación á que a Administración local destina máis
de 4 millóns de euros co fin de converter esta importante vía do centro da cidade en
máis habitable e amable para os peóns. Para elo, un dos cambios máis significativos será
a ampliación da beirarrúa da marxe das edificacións residencias ata os 4 metros de
ancho e a plantación de 130 novas árbores, cunha especie diferente por quinteiro. Na
actualidade, dita beirarrúa roza os 1,5 metros.
A execución da obra está a avanzar en varios tramos. A próxima semana
comezará no primeiro quinteiro da actuación, á altura do cruce coa rúa San Diego, a
retirada da pedra da beirarrúa das vivendas, e nas próximas datas o Concello de Ferrol
procederá á colocación das novas lousas de granito.
Avances na zona do mercado
O avance dos traballos de urbanización da vía na zona do mercado municipal da
Magdalena vai supoñer a partir do martes, 17 de xaneiro, o peche do cruce da rúa da
Igrexa con Sánchez Barcáztegui, polo que os vehículos que circulen por esta última
deberán xirar á dereita por Magdalena. Ademais, os vehículos que salgan á rúa Igrexa desde o estacionamento do mercado de Magdalena accederán pola rúa Sánchez
Barcáiztegui en dirección subida ata a rúa Magdalena, onde deberán xirar á esquerda.
Tamén se está a traballar no terceiro quinteiro, entre Méndez Núñez e Sánchez
Barcaiztegui, onde tras rematar a fase de execución de acometidas de servizos o
Concello de Ferrol leva días preparando o terreo para iniciar a próxima semana a fase de
formigonado, que consiste no volcado deste material sobre unha malla de ferro e a súa
estabilización cunha regra niveladora.
“Estamos a ganar espazo para o peón e para a propia actividade comercial e social
nesta importante vía do barrio da Magdalena”, indicou o concelleiro de Urbanismo,
Julián Reina, “na liña deste goberno de humanizar o espazo público e habilitar lugares
máis atractivos para as persoas”. O proxecto tamén contempla a ampliación das
plataformas destinadas aos peóns na contorna dos edificios de equipamentos e servizos.
Isto concrétase, por exemplo, na reorganización do perímetro da concatedral, mediante
un incremento considerable do espazo pavimentado e con máis árbores.