O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, cuestionou hoxe a
idoneidade de construír un aparcamento no barrio de San Xoán, como acaba de anunciar
a Xunta de Galicia nun acto ao que non convocou ao alcalde e si ao voceiro do Grupo
Municipal do PP. O rexedor considera que “cando a Xunta decide facer un investimento
en Ferrol, debe contar co Concello” para garantir que ese proxecto se adecúa ás
necesidades reais da cidade. Porén, a consellería non deu a coñecer ningún estudo de
demanda co que xustificar o emprazamento elixido. “A decisión tomouse sen contar co
Concello”, remarcou.
“Hai lugares onde é moi necesario un aparcamento, e levamos tempo traballando
sobre a posibilidade de facer un na Graña”, explicou sobre un proxecto que conta con
considerables dificultades debido á propia configuración dese barrio ferrolán, pero que é
un dos puntos nos que a demanda de prazas de estacionamento por parte dos veciños
está máis xustificada, xa que nese lugar existen moitas vivendas sen garaxe e a maior
parte das rúas non dispoñen de ancho suficiente para aparcar.
Mato lembrou tamén que, aínda que a Administración autonómica non o
mencione, os fondos que manexa a Xunta para desenvolver o aparcadoiro de San Xoán
“son fondos de recuperación que acadou o Goberno de España co voto en contra do PP” e foron transferidos á comunidade autónoma. Respecto diso e do acto para presentar o
proxecto, dixo que a relación entre institucións “debe ser cordial”, tal como se
escenificou, por exemplo, no inicio da obra de humanización da avenida das Pías,
promovida polo Ministerio de Transportes, cunha cerimonia á que foron invitados todos
os grupos políticos municipais.
“Se a Xunta quere manter unha boa relación co Concello, poderiamos formular
diferentes propostas”, dixo, e apuntou que bota en falta “dentro das competencias que
ten a mesma consellería, que diga cando vai comezar a traballar co Concello no
convenio para realizar o saneamento do rural, para o que teño o compromiso do
presidente da Xunta de deixar pechados os investimentos neste primeiro trimestre do
ano”. Tamén se preguntou “por que non comeza a Xunta a residencia de maiores, que
está no mesmo barrio de San Xoán”, aínda que dixo sospeitar que a primeira pedra se
vai poñer proximamente porque “parece que a Xunta entrou en campaña”. “Levamos
catro anos de atraso e esa si é unha necesidade urxente”, lamentou sobre os prazos desa
infraestrutura.
Sobre o procedemento anunciado pola Xunta, o alcalde ve “estrano” expropiar
terreos privados en solo rústico. Pregúntase por que, se se dispón de recursos para
expropiar, por que non se empregan para facer fronte a outras demandas, como son a de
construír un pavillón deportivo para o IES Ferrol Vello ou levantar o tan demandado
centro de saúde do propio barrio de San Xoán, para o que a Xunta lle reclama ao
Concello que expropie a Administración local e poña o solo a disposición da
autonómica.