A concelleira Ana Lamas mantivo en días pasados dúas
reunións cos representantes das entidades integradas na Agrupación de Asociacións de
Veciños da Zona Rural co fin de definir un programa de rozas nas vías de titularidade
municipal de cara ao 2023. Tras analizar unha proposta de traballo presentada pola edil,
á que se incorporaron diferentes achegas formuladas dende os diferentes colectivos,
estes deron o visto e prace para pór en marcha un plan que afectaría a un total de 560
quilómetros en camiños e estradas do Concello.
A intención é que durante o ano se realicen dúas pasadas en todos os tramos
nos que sexa necesario, e incluso máis en condicións puntuais, sempre en vías
circunscritas ao ámbito xeográfico do rural ferrolán. Ademais, incluiríase a limpeza de,
cando menos, 70 quilómetros de gabias, e contémplase unha partida específica para a
eliminación de especies invasoras.
O plan inclúe a eliminación dos restos das rozas segundo as necesidades que
existan en cada punto, co fin de evitar posibles atascos en cunetas, canles e tubaxes.
Para o desenvolvemento dos traballos está previsto o emprego de tractores con
rozadoras de brazo articulado, ou arrastrada en zonas de alta densidade de vexetación,
como tamén cuadrillas de operarios para as operacións manuais, cunha de apoio a
maiores co fin de atender necesidades puntuais.
Convenio coa Deputación
A previsión é que este programa de rozas se desenvolva mediante un convenio coa
Deputación da Coruña, a través do cal a empresa pública Tragsa, de cuxo accionariado
forma parte o organismo provincial, asumiría os traballos como medio propio
instrumental.
A concelleira de Zona Rural agradeceulles ao representantes veciñais o apoio
unánime que mostraron aos termos deste proxecto e explicoulles que confía en poder
elevar o convenio ao pleno da corporación nas vindeiras sesións co fin de ter a
disposición o novo servizo de cara á primavera.