Novas

xoves, 12 de xaneiro de 2023

O Concello abre o prazo para un novo módulo da Escola municipal de Familias, que abordará no mes de febreiro a sexualidade na xuventude

Os pais e nais interesados en asistir, de balde, poden inscribirse completando o formulario https://bit.ly/3k3NFxn. As sesión celebraranse os días 1, 8 e 15, de 17 a 18.30 horas, na Casa Solidaria (rúa Velázquez, 44)


O Concello de Ferrol abriu o prazo de inscrición para participar nun novo módulo da Escola municipal de Familias, unha iniciativa que trata de establecer espazos de debate con entidades expertas sobre asuntos de interese para as familias. O módulo do mes de febreiro abordará a sexualidade na xuventude en colaboración coa entidade Acción Familiar Ferrol (AFA Ferrol). Celebrarase os días 1, 8 e 15 de febreiro, de 17 a 18.30 horas, na Casa Solidaria (rúa Velázquez, 44). 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que a sesión do día 1 de febreiro tratará a normalización de conceptos; a do día 8 afondará en aspectos como os riscos, mitos e dúbidas, aportando ferramentas para traballar no fogar; e o día 15 debaterase sobre afectividade e as relacións de parella. 

A Escola de Familias desenvólvese en colaboración co Grupo de Traballo de Infancia, Adolescencia e Familia, un órgano impulsado polo Concello de Ferrol e integrado por diversas entidades sociais da cidade. O terceiro módulo abordará o acoso escolar. Os pais e nais interesados en asistir, de balde, poden inscribirse completando o formulario https://bit.ly/3k3NFxn

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar