Novas

mércores, 11 de xaneiro de 2023

O Concello amplía ata finais de xaneiro o prazo para que a cidadanía participe na enquisa para enriquecer o programa ‘F+60’, de envellecemento activo e saudable para maiores

Pode completarse na web municipal, no enlace https://www.ferrol.gal/servizos/ferrolmais60


O Concello de Ferrol vén de ampliar o prazo, ata finais do mes de xaneiro, para completar na web municipal a enquisa dirixida á poboación en xeral, maiores de 18 anos, para coñecer as inquedanzas da sociedade e enriquecer así o desenvolvemento do programa de envellecemento activo e saudable para persoas maiores denominado ‘Proxecto F+60’. 


Trátase dunha iniciativa na que está a traballar o Concello de Ferrol e que aborda oito bloques nos que afondar cara a mellorar a calidade do envellecemento das persoas de Ferrol: o transporte; a vivenda; a participación social; o respecto e inclusión social; a participación cidadá e emprego; a comunicación e información; os servizos comunitarios e de saúde; e, por último, os espazos ao aire libre e edificios. Na actualidade estase a traballar nos grupos focais de cada área e no plan de acción que pilota o proxecto, dirixido polo doutor Carlos Piñeiro. 

A cidadanía pode completar a enquisa na web municipal, no enlace https://www.ferrol.gal/servizos/ferrolmais60, ata o 31 de xaneiro. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar