Novas

mércores, 11 de xaneiro de 2023

O Concello elabora o primeiro protocolo para casos de Dióxenes, que entra en vigor esta mesma semana

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que con esta ferramenta Ferrol “da un paso mais no ámbito da intervención social e saúde mental”. Indicou que unha das primeiras actuacións a desenvolver será o establecemento dun rexistro dos casos detectados na cidade


O Concello de Ferrol vén de elaborar o primeiro protocolo de actuación municipal para casos de síndrome de Dióxenes, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. “Estamos a detectar a existencia de casos desta enfermidade”, dixo, polo que coa entrada en vigor deste protocolo, esta mesma semana, “estamos a dar un paso mais no ámbito da intervención social e saúde mental”. A edil engadiu que unha das primeiras actuacións a desenvolver será o establecemento dun rexistro dos casos detectados na cidade. 


O documento contempla varias fases de actuación. A primeira, a detección e coñecemento do caso particular, que pode chegar “por diferentes vías, como da contorna veciñal ou a familia”. Seguidamente comezará unha fase de estudio e aproximación ao caso concreto “establecendo unha relación co afectado baseada na empatía”, apuntou a edil, “con visitas ao domicilio” e “coñecendo a percepción do entorno veciñal” para dar lugar á terceira fase, a de diagnose e deseño dun proceso de intervención social “no se relacionen os problemas que lle afectan á persoa dun xeito integral”. Neste senso, “é fundamental a implicación do departamento de Saúde Mental do Sergas”, explicou Martínez Montero. “Nestes casos a colaboración é vital”. 

 Por último, o protocolo establece unha cuarta fase de control e coordinación coa Policía Local, con diferentes dispositivos sanitarios, instancias xudiciais, goberno autonómico e con entidades de iniciativa social, apuntou a responsable municipal de Benestar Social.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar