Novas

martes, 10 de xaneiro de 2023

O Concello remata a reparación dun novo tramo de beirarrúa en Caranza e continúa o plan de mellora de espazos públicos no barrio

O alcalde, Ángel Mato, visitou na tarde de onte as tarefas que se están levando a cabo na rúa Telleiras. Na actualidade tamén se están a desenvolver obras de renovación fronte ao auditorio municipal e na rúa Cádiz. Nas próximas datas intervirase en viarios de Esteiro


O Concello remata a reparación dun novo tramo de beirarrúa en Caranza e continúa o plan de mellora de espazos públicos no barrio

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, comprobou na tarde de onte os traballos de reparación e mellora do espazo público que o Concello está a levar a cabo na rúa Telleiras, no barrio de Caranza, onde vén de rematar as obras de renovación dun tramo de beirarrúa, concretamente no da rúa Telleiras coa rúa 5. Neste espazo, que antes da intervención contaba con 4 metros de beirarrúa, en mal estado, habilitouse agora dous metros de novo firme e outros dous de terra. 


O alcalde tamén tivo a oportunidade de comprobar os traballos que o Concello de Ferrol está a desenvolver fronte ao Auditorio municipal, onde desde hai días se está a reparar alcorques a beirarrúas. Ademais, nestes primeiros días do ano se están a desenvolver tarefas de mantemento na rúa Cádiz, tamén no barrio de Caranza, e nos próximos días intervirase en varios viarios do barrio de Esteiro. 

Tamén aglomerados na zona rural
Ademais de intervir na zona urbana, o Concello de Ferrol vai destinar preto de 270.000 euros á execución a principios de ano dunha nova fase de aglomerados en varios tramos do municipio. En total aglomeraranse máis de 10.340 metros cadrados. 

Os traballos comezarán nas próximas datas no camiños do Buíl (Viladóniga), onde se aglomerará unha superficie total de preto de 500 metros cadrados, e continuarase polo da Cruz, tamén en Viladóniga. Neste caso actuarase en máis de 1.000 metros cadrados. Seguidamente o Concello de Ferrol aglomerará un tramo de máis de 1.230 metros cadrados do camiño Valón Vello. 

Tamén se aglomerarán uns 1.800 metros cadrados do camiño do Vinculeiro; preto de 2.200 metros cadrados en dous tramos no camiño O Cesteiro; preto de 1.500 no camiño do Torreiro (Cobas); máis de 1.600 na zona de vivendas da estrada da Cova; 200 na corredoira de Castiñeira;160 no camiño da Igrexa (Mandiá); e 150 nun tramo da C-114 (Taboada-Mandiá). 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar