martes, 10 de xaneiro de 2023
O Concello consigue que as prazas do programa ‘Xantar na Casa’ se incrementen de 15 a 70
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, lembrou esta mañá que a Administración local solicitou en tres ocasións ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar sumar usuarios a un programa de “vital importancia para as persoas maiores de Ferrol” e cunha “gran demanda”. O programa está financiado polo Concello, o Consorcio e o usuario e garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana con menús completos e equilibrados. O Concello está a traballar na addenda ao convenio entre ambas partes que o goberno local levará ao pleno deste mes
O Concello de Ferrol vén de lograr un significativo aumento no número de prazas ofertadas no marco do programa social ‘Xantar na Casa’ ao pasar das 15 de hai preto de 4 anos ás 70 que se consolidarán nos próximos días tras sumar 15 ás 55 actuais. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que tras solicitar á Xunta en tres ocasión unha nova ampliación no número de prazas deste servizo o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia comunicou recentemente ao Concello a aceptación da solicitude realizada pola Administración local para chegar a 70 prazas nun programa de “vital importancia para as persoas maiores de Ferrol” e que acumula “unha gran demanda”. De feito, a edil explicou que con esta nova ampliación “cubrimos a actual lista de agarda”.